Cosmopolitan lanza a súa primeira edición para homes

A revista de moda e tendencias Cosmopolitan lanzou a súa primeira edición para homes, Cosmo For Guys (CFG), que busca axudalos "a navegar pola psique feminina para que descubran o que realmente queren as mulleres" e que polo momento só está dispoñible para o iPad.

"A idea déronnola os propios homes. Sempre nos contan que lles gusta ler Cosmopolitan porque están fascinados por saber que lles gusta a elas, e queren saber como facer máis felices ás mulleres nas súas vidas", indica a redactora xefa da publicación, Kate White, nun comunicado que se pode ver este mércores na súa páxina web.

White asegura que CFG está totalmente concibida e creada por editoras da revista feminina e incluirá os mesmos contidos, pero dirixidos exclusivamente aos homes, que nos últimos anos enviaron cartas e correos electrónicos pedindo unha edición para eles.

"Viñemos ao seu rescate para acabar coas dúbidas. As mulleres somos as auténticas expertas sobre o tema", engade a xornalista.

A edición masculina de Cosmopolitan, dispoñible xa a través dunha aplicación para o iPad, inclúe materiais interactivos como audio, vídeos e xogos de preguntas e respostas, así como unha base de datos virtual sobre como tratar ás mulleres.

Tamén ofrece unha función que recolle opinións femininas sobre o vestiario masculino, outra que permitirá aos homes "lerlle a mente" á súa esposa ou noiva, e incluso un consultorio online para preguntas urxentes coma se é "boa idea chamar a unha moza logo dunha noite de gran sexo, ou que música pór durante eses momentos íntimos", detalla a revista.

White asegura que esa última novidade é unha das súas favoritas porque "é case como sentir que unha muller está presente contigo".

Ademais, a publicación recorda que o feito de que CFG só estea dispoñible para a tableta electrónica iPad "dará unha maior privacidade a aqueles homes que desexen ler Cosmopolitan sen que o saiban outros homes ou mulleres".

A aplicación custa 1,99 dólares por número, 3,99 ao mes ou 19,99 ao ano na tenda iTunes de Apple.

Comentarios