A Coruña aspira a que o seu San Xoán sexa declarado de interese turístico internacional

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou as festas de San Xoán que a cidade celebrará en xuño, coas que quere "consolidar" esta celebración como referencia no noroeste español e aspira a que sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

A axenda comezará o vindeiro domingo 15 de xuño e finalizará o martes día 24, unha xornada que será festiva tanto na cidade herculina como na súa área metropolitana por vez primeira.

Negreira detallou que busca "conseguir a declaración de internacionalidade para este San Xoán e dixo que espera que "este ano podamos seguir dando pasos ou lograr xa que sexa Festa de Interese Turístico Internacional".

Desde o Goberno municipal destacan que os eventos están programados "co corazón e con todo o agarimo, para esta festa, que é a máis emblemática da cidade".

"Somos o referente do noroeste español, queremos que sexa un reclamo importante para o turismo e para seguir liderando a actividade económica turística que xeramos na cidade. Tamén buscamos consolidar os resultados de 140.000 visitantes o ano pasado, con máis do noventa por cento de ocupación hostaleira, o mellor resultado da historia", engadiu.

O lema da festa é San Juan is back (San Xoán está de volta) e a campaña publicitaria, traducida a oito idiomas entre os que están o ruso cirílico, recolle frases como "Volve a noite onde A Coruña ilumina o mundo" ou "Volve a noite máis desexada do mundo".

As claves son facer un San Xoán máis sostible. Con este obxectivo, organízase a repartición de madeira limpa, colectores e aseos portátiles. De feito, se repartirá seis veces máis madeira que o ano pasado, que chegará a 150 toneladas, nas praias de Riazor, Orzán, Oza, Matadoiro e San Amaro.

Ademais, incrementaranse un 43 por cento os colectores de alta capacidade e poranse 34 aseos portátiles, catro nun lado da coraza e outros catro no outro lado.

Haberá un dispositivo de seguridade de 280 efectivos, ademais da unidade de rescate, e aínda non se sabe a canto ascende o orzamento, pero a cifra será similar á doutras ocasións.

Los secretos estarán en María Pita o xoves 19, La Unión, Los Limones e Nacha Pop chegarán ao día seguinte e a noite do 23 en Riazor actuarán Danza Invisible, Seguridad Social e Alejo Stivel.

Ao Palacio da Ópera acudirán Luar na Lubre, a noite do 21 e a Orquestra Sinfónica de Galicia o día seguinte ao mediodía, aos que acompañarán as actuacións do San Xoán Pequeniño, pensado para nenos.

Comentarios