O Congreso aproba a nova lei de Tráfico: descobre aquí as novas claves

A normativa é máis dura con comportamentos ao volante que se consideran máis perigosos na actualidade, como falar polo móbil, ou coa falta de sistemas de protección
Tráfico en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Tráfico en Lugo. XESÚS PONTE

A reforma da lei de tráfico, que aprobou definitivamente este xoves o Congreso, ten como fin a revisión das infraccións que levan a perda de puntos e pon o acento nos comportamentos ao volante que se consideran máis perigosos na actualidade, como falar co móbil ao volante. 

Pero tamén non usar ou facelo de forma indebida os sistemas de protección como o casco, o cinto de seguridade ou as cadeiras infantís, arroxar á vía obxectos que poidan causar accidentes ou incendios como cabichas ou pór en perigo aos ciclistas ao adiantalos. 

Ademais, prohíbese pasar en 20 km/h o límite de velocidade nos adiantamentos en estradas convencionais por primeira vez lexíslase sobre os novos medios de mobilidade persoal, como os patinetes, e avánzase na protección dos ciclistas. 

Salvo algunha medida moi puntual, a lei non entrará en vigor ata tres meses logo da súa publicación no BOE.

Estas son as claves que recolle a nova lei: 

  • Aumentan de 3 a 6 os puntos a detraer por conducir suxeitando coa man o móbil. Mantense a multa de 200 euros e de 3 puntos de sanción se o infractor usa o móbil pero non o ten na man. 
  •  Arroxar á vía ou nas súas inmediacións obxectos que poidan producir incendios ou accidentes leva a perda de 6 puntos (antes 4). 
  • Elévase de catro a seis os puntos que se perden por adiantar, pondo en perigo ou entorpecendo a ciclistas ou sen deixar a separación mínima de 1,5 metros. 
  • Soben de tres a catro os puntos a descontar por utilizar ou non facelo de forma adecuada o cinto de seguridade, sistemas de retención infantil, casco e outros elementos de protección. 
  • Castígase con tres puntos posuír no vehículo mecanismos de detección de radares ou cinemómetros e non só a súa utilización como era antes. 
  • Perda de tres puntos por manter axustado entre o casco e a cabeza do usuario dispositivos de telefonía móbil mentres se conduce. 
  • Unifícase nun prazo de dous anos o tempo que haberá de transcorrer sen cometer infraccións para recuperar o saldo inicial de 12 puntos, sempre que non se perdeu todo o saldo. 
  • Suprímese a posibilidade de que turismos e motocicletas poidan pasar en 20 km/h os límites xenéricos de velocidade nas estradas convencionais cando adianten a outros vehículos. 
  • Uso obrigatorio do casco para usuarios de vehículos de mobilidade persoal, como patinetes
  • Os vehículos de mobilidade persoal e as bicicletas e ciclos non poderán circular polas beirarrúas e demais zonas peonís. 
  • Desde o 6 de xullo de 2022 é obrigatoria a incorporación de alcoholímetros antiarranque en vehículos de transporte de viaxeiros (por exemplo, autobuses escolares). Non cumprilo é unha infracción moi grave (500 euros). 
  • Tamén se considera infracción moi grave "incumprir as normas en materia de auxilio en vías públicas", o que carrexa unha multa de 500 euros. 
  • Engádese como infracción leve (ata 100 euros) por incumprir "a obrigación dos condutores de estar en todo momento en condicións de controlar o seu vehículo". 
  • Poderanse recuperar 2 puntos do carné pola realización de cursos de condución segura certificados pola DXT. No entanto, a recuperación deses puntos non será efectiva ata que entre en vigor a regulación das condicións que deben cumprir tales cursos. 
  • Utilizar dispositivos de intercomunicación non autorizados nos exames de conducir considerarase unha infracción moi grave, sancionada con 500 euros e 6 meses sen poder presentarse de novo. 
  • As empresas de transporte de persoas e de mercancías poderán acceder online ao rexistro de condutores para coñecer se o permiso de conducir dos seus traballadores está vixente ou non. Só informarase en vermello (non en vigor) ou verde (en vigor). 
  • Poderanse establecer cursos de concienciación e sensibilización para a obtención do permiso ou licenza de conducir, que poderán impartirse tamén online sempre que se asegure a interacción a través dunha aula virtual. 
  • Taxa cero de alcol para os menores de idade condutores de calquera vehículo.

Comentarios