''Non imos tolerar que se mesture orientación sexual con delincuencia''

O colectivo de lesbinas, gais, bisexuais e transexuais de Galicia esixiu ante o Ministerio de Asuntos Exteriores a retirada do representante ante o Estado Vaticano, o coruñés Francisco Vázquez, polas declaracións do seu Secretario de Estado o nuncio Tarcisio Bertone quen afirmou durante a súa visita a Chile que existía unha probada relación entre pedofilia e homosexualidade.

''É triste que o señor Bertone sexa dos poucos Europeos que non saiba que en menos de 30 días todas as nosas institucións celebrarán o 20 aniversario da desclasificación da homosexualidade como enfermidade mental así como o cesamento da consideración da mesma na súa relación coa pedofilia e outros delitos. Unha institución que aglutina a tal número de crentes e un alto cargo do estado vaticano non pode seguir recibindo apoio dun Goberno como o de España que se comprometeu na loita polos dereitos do noso colectivo'' declarou Rafael Moral, presidente de Colega Galicia.

O colectivo LGBT esixiu así mesmo unha rectificación pública por parte de Bertone así como pediu ás autoridades que coordinarán a próxima visita do papa e diferentes autoridades eclesiásticas que se comprometan a retirar o seu apoio económico con fondos públicos ao conxunto dese proxecto en caso de continuarse as agresións contra o sector poboacional LGBT.

Fondos públicos ''para provocar odio''
''Non imos tolerar que se trate de inducir á opinión pública a crer que a Homosexualidade ten en pleno século XXI algo que ver con actitudes e actividades delituosas''. As administracións públicas teñen o deber de asegurar ''que os fondos que lles foron confiados baixo a súa custodia non son utilizados para provocar o odio cara a sectores poboacionais en risco de exclusión social'' afirmou o presidente do Colectivo LGBT ao termo da reunión extraordinaria da executiva do colectivo LGBT Galego para aprobar as medidas de traballo contorna a esta materia.

Colega Galicia aproveitará a súa próxima reunión co Alcalde de Santiago de Compostela para transmitirlle a fonda preocupación que o colectivo sente por mor da crecente homofobia de estado que irradian as xerarquías eclesiásticas e pedirlle o seu amparo como institución comprometida polos Dereitos Humanos.

Comentarios