A cifra de nacementos no Hospital da Costa volveu superar os 400 en 2015

Durante os últimos quince anos, só en 2001 e 2013 os alumeamentos quedaron por baixo deste número
Noel, el primer bebé de este año, con sus padres en el hospital
photo_camera Noel, el primer bebé de este año, con sus padres en el hospital

As estatísticas de nacementos no Hospital da Costa de Burela sitúan a cifra de alumeamentos dos últimos quince anos no centro por enriba dos 400. O ano pasado, cumpriu con esta tendencia e naceron 405 nenos —218 homes e 187 mulleres—, unha cifra, con todo, lixeiramente inferior aos partos que se deron en 2014, cando naceron 426 bebés —206 homes e 240 nenas—.

A pesar de manterse por enriba desta cifra, o 2015 foi un dos anos con menos nacementos na comarca, talvez polo feito de que moitos mozos decidiron abandonar a zona ante a falta de oportunidades laborais ou porque precisamente esta circunstancia deriva nun adiamento continuo do momento de ter un fillo. De feito, desde 2000 unicamente houbo tres anos que rexistrasen menos nacementos que o pasado: en 2001 e 2013 rexistráronse 373 e 396 nacementos respectivamente e en 2002 a cifra quedou en 402, só tres por baixo do ano pasado.

Inusualmente alta dentro da táboa é a cifra correspondente ao 2009, cando se rexistrou a maior natalidade deste século na comarca. Naceron 490 nenos, once máis que o segundo ano con máis alumeamentos que foi o 2007 con 479. En 2006 tamén se produciu unha cifra alta, 477.

Por encima dos 450 nacementos tamén se sitúan os anos 2010 con 463 e 2005 con 453 e o resto de anos están por baixo destes números. Así, en 2000 naceron 422 nenos; en 2002 fixérono 402 e en 2003, 414. O ano 2004 supuxo un repunte considerable con respecto ao anterior ao rexistrarse 435 partos, 21 máis. Foi precisamente este ano o que marcou a tendencia de fortes subidas, xa que en 2005 naceron 453 bebés e logo producíronse as cifras por enriba de 470 de 2006 e 2007, tras a que chegou a de 490 de 2009, logo dunha leve baixada ata os 436 en 2008.

Os anos 2012 e 2014 coinciden nos 426 nacementos de cada un.

A maioría dos partos da comarca aténdense no hospital, que conta desde 2011 cun paritorio preparado para albergar partos naturais, e só se deriva unha pequena parte dos casos. Estes traslados débense principalmente a casos nos que durante o embarazo se detecta que pode haber algún problema e se programa con antelación.

PRIMEIRO BEBÉ DE 2016. Este ano 2016, estreouse cun bebé o primeiro día do ano. O nacemento de Noel Varela Fernández —primoxénito de Beatriz Fernández e Jesús Varela— estaba previsto para finais do ano pasado, pero decidiu converterse no primeiro bebé deste 2016.

A nai recoñecía a mañá do día 1 que o embarazo fora bo, aínda que o último mes estivo moi cansa, sobre todo porque o bebé era moi grande. Ao nacer pesou 4,2 quilos e mediu 54 centímetros.

Os pais comentaron que a última semana do ano fora moi movida en canto a nacementos e que incluso tiveran que compartir a sala de monitores con outros pais pola concentración de nacementos. Tamén destacaron a boa atención recibida por parte do persoal do centro.

Comentarios