"Chorei coa ilusión por presentar as badaladas"

Os galegos levan tres anos despedindo o ano vello e dando a benvida ao novo da man de Noelia Rey. E os que quedan, porque esta ourensá teno todo para converterse nunha das presentadoras máis queridas.  
A presentadora Noelia Rey
photo_camera A presentadora Noelia Rey. TVG

Cando era nena, que fantaseaba que ía ser cando medrara?

Sempre tiven bastante claro que quería estudar xornalismo, o que pasa é que me vía como presentadora de informativos e agora non cambio o entretemento. Como fantasía frustrada, actriz. 

Acaba de cumprir 29 anos, que pediu cando soprou as candeas?

Que todo siga como ata agora, non preciso máis. 

Leva tres anos conducindo as badaladas na TVG, que pensou cando llo propuxeron a primeira vez?

Non o cría! As miñas primeiras badaladas foron na fin de ano de 2021, tan só dous anos despois de comezar co Malicia noticias. Recordo que chamei a miña nai case chorando da ilusión porque penso que é algo que nunca te imaxinas facer, porque quizais o vemos coma un tope e eu tiña 26 anos! E sobre todo que cando chega pensas que será esa vez e xa. Por iso a ilusión continuou a ser a mesma o ano seguinte e no 2023.

Atreveríase a poñer os vestidos que leva Cristina Pedroche?

Atreverme si, pero penso que non é un estilo que vaia comigo nin o que me gusta para esa noite. 

É colaboradora e ás veces presentadora do Malicia noticias. A que lle bota malicia Noelia Rey?

Creo que hai que botarlle un pouco de malicia a todo, pero no bo sentido da palabra. 

"Os vestidos que leva Cristina Pedroche nas Badaladas non son do meu estilo. Eu non os escollería"

Que adxectivos a definen mellor? 

Persistente, responsable e testuda. Odio non ter a razón e se estou convencida de algo vou ata ao final. 

O mellor para empezar ben o día?

Durmir nove horas ou máis! E que nada perturbe o meu sono. 

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes? 

Se penso nunha persona que me gustaría ser, penso no meu avó. Unha persoa apaixonada sempre do seu traballo, que conseguiu moito con pouco e que quixo moito e moi ben. Iso é o que quero.

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?

Á beira do mar. Dáme igual en que recuncho do mundo sexa que –e sendo eu de Ourense– onde me sinto na casa é alá onde haxa mar. 

Un plan para desconectar?

Ir á praia. Para iso dáme igual madrugar! E en compañía, mellor.  

"Son de Ourense, pero onde me sinto 'na casa' é alá onde haxa mar"

É unha viaxeira impenitente, que destino a engaiolou máis?

Exipto. Volvín con demasiadas preguntas que non teñen resposta e iso non creo que me volva pasar. 

E cal é o que aínda ten pendente?

Teño moita gana de ir a México. 

Festival, foliada ou verbena?

É unha pregunta difícil porque penso que depende do teu estado de ánimo, de se fai bo tempo ou non... Vou descartar os festivais e quedar coa foliada e a verbena.

Na mesa, pérdea un bo…

Cocido de repolo e con chourizo de cabazo!

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade? 

Lentellas. Aínda que podería case sacar un libro de receitas, son toda unha caixa de sorpresas no mundo da cociña!

Que serie logrou enganchala máis? 

Son moi fácil de enganchar ás series, pero si é certo que hai unha que vin moitas veces de principio a fin e é Castle, son así de básica.

Tocoulle vivir algunha situación incómoda por ser muller?

Creo que a todas nos pasou algunha vez. Pola rúa, nas redes sociais ou mesmo aparcando o coche.

Que defectos soporta peor?

A crueldade e a falta de motivación. 

En que pensa cando se mete na cama pola noite?

En cantas horas me quedan ata que soe o despertador.

Que pregunta non lle fixen e lle gustaría responder?

Calquera sobre Paco e Nube, os meus gatos e reis da casa.

Comentarios