César Muñoz: "O risco de contaxio en España do ébola é moi baixo"

Armado cun microscopio e razoamento científico, o virólogo galego trata de desmontar os sete xenes do ébola, o virus que puxo en xaque aos sistemas de saúde de todo o mundo
El virólogo César Muñoz Fontela
photo_camera El virólogo César Muñoz Fontela

O ferrolán César Muñoz Fontela pode falar do ébola desde a primeira liña de batalla. Ademais de investigar o patóxeno no Centro de Virus Emerxentes do Instituto Heinrich Pette, en Hamburgo, tamén participou na loita desde o Laboratorio Móbil Europeo en África Occidental, un dos últimos redutos do virus e territorio de procedencia do home de 24 anos, natural de Guinea Conakry, que foi hospitalizado este mércores en Vigo tras presentar síntomas da enfermidade.

Que é o ébola e como actúa?

É unha enfermidade viral que se contaxia por contacto directo con fluídos das persoas infectadas -sangue, mucosa, saliva, suor, vómito, feces,...-. Durante unha primeira fase, os seus síntomas son bastante comúns e recordan a outras enfermidades, como a malaria ou incluso a gripe ou unha gastrointerite. Máis tarde complícase con problemas de coagulación e ata fallos multiorgánicos.

A posibilidade de contaxio do virus é realmente tan alarmante?

O exceso de alarma é comprensible pola situación de hai un ano, pero a realidade é que o ébola é un virus altamente infeccioso pero non altamente transmisible. Isto quere dicir que se un entra en contacto con moi poucas partículas virales é probable que se infecte, pero despois a transmisión non é fácil, como pode suceder coa gripe ou as vexigas. Necesítase un contacto directo cun paciente infectado, que ademais en África está asociado cunha serie de costumes que en Europa non existen, como os funerais tradicionais ou a concentración de poboación, que favorece un contacto máis directo entre persoas.

Cales son as medidas de prevención máis adecuadas?

O diagnóstico rápido e o illamento dos casos, que son as medidas que sempre se adoptaron en Europa en canto a outras enfermidades hemorráxicas.

Entón, que risco de contaxio hai en España?

Sempre foi moi baixo, e máis agora porque hai menos casos.

En que estado se atopan as investigacións sobre unha posible vacúa para o patóxeno?

Hai varios candidatos que se levaron a ensaios clínicos. O que máis lonxe chegou é a vacina baseada no virus da estomatite vesicular, que codifica unha das proteínas do ébola. Probouse en Guinea Conakry en ensaios de fase 3, que é o ensaio con pacientes infectados. Neste caso, cos contactos do paciente, distribuídos nun grupo escollido aleatoriamente que recibiu a vacina de inmediato e noutro que a recibiu cun atraso de 21 días. Despois analízase a vacina baseándose nos novos casos da enfermidade que se dan entre eses contactos. É a mesma estratexia coa que a OMS erradicou as vexigas. De momento, os resultados son bastante prometedores e séguese investigando. A outra vacina levada a ensaios clínicos é a baseada en adenovirus, tamén con resultados prometedores.

Cando se podería dispor publicamente dunha vacina efectiva?

As vacinas levan feitas dez anos, pero as grandes farmacéuticas non estiveron interesadas nelas porque non había mercado. Agora inténtase acelerar o proceso de desenvolvemento da vacina, que en situación normal, con todas as probas e ensaios clínicos, pode durar unha década. Leváronse moi rápido a fase 3, pero é difícil predicir como se irán desenvolvendo en diante porque os pacientes son cada vez menos.

Como está a situación en África?

Hai moi poucos casos. Neste momento, trátase de chegar e manter os cero casos, que é o máis difícil porque moitas das cadeas de transmisión non se detectaron. Ata que non estean controladas seguirá habendo ébola. O que pasa é que ao ser unha enfermidade tan explosiva, estes pequenos brotes que xorden ou se reintroducen, como os de Guinea Conakry -o único país aínda con focos activos-, son perigosos porque poden volver xerar unha serie de casos elevados.

Comentarios