O bikini cumpre 75 anos

O traxe de baño de dúas pezas naceu en Francia no 1946, pero Franco non o deixou entrar en España. Ás praias de Lugo chegou no 68, cando unha redeira de Foz tivo o atrevemento de mercalo por correo

Elvira López Neira para web
photo_camera Elvira López Neira foi a primeira rapaza da Mariña en usar bikini. EP

O bikini fai 75 anos. No 1946, os franceses Jacques Heim e Louis Réard crearon á par sendos traxes de baño de dúas pezas que supuxeron unha revolución na moda da época. O atrevemento foi tanto que nin as modelos profesionais quixeron vestilos. Heim deu a coñecer o seu con avións promocionais que escribían o nome da prenda no ceo e Réard tivo que contratar unha bailarina nudista do Casino de París para presentalo.

Daquela a sociedade medía a decencia en metros de tea e o bikini non tivo moito éxito no primeiro momento. Pero o traxe de baño de dúas pezas empezou a presentarse como unha liberación para as mulleres e elas loitaron por normalizalo a pesar das críticas e olladas de reprobación.

Pero se en Francia a introdución do bikini foi complicada, en España non ía ser mellor e a prenda tardou en chegar como se tivese que cruzar os Pirineos a pé.

No ano 1948 está datada a primeira foto dun bikini en España, según o Centro de Documentación de la Imagen de Santander, pero quen o vestía era unha estranxeira, unha alumna francesa dun curso de verán da Universidad Menéndez Pelayo.

Franco prohibiu o bikini en España e as primeiras en utilizalo foron as turistas estranxeiras

As estranxeiras facían pouco caso das restricións españolas e moito menos da lingua da xente. O goberno de Santander, para evitar a polémica que suporía sancionar a todas as francesas que ían lixeiras de roupa, optou por acotar un espazo para elas na praia.

Unha das primeiras fotos dunha turista en bikini en España. EFEAs divisas do turismo servían de bula para as de fóra, pero o pecado non estaba permitido para as españolas. E para que non tivesen a tentación de seguir o exemplo das mozas estranxeiras, Franco prohibiu o bikini expresamente no 1951. "Queda prohibido el uso de prendas de baño indecorosas, exigiendo que cubran el pecho y espalda debidamente, además de que lleven faldas para las mujeres y pantalón de deportes para los hombres". Nin falar de nudismo nin de vestir calquera tipo de traxe de baño fóra da praia.

A PRIMEIRA, EN FOZ. Con este panorama, foron poucas as lucenses que se apuraron a comprar bikinis. As da costa, que tiñan máis contacto cos veraneantes e as tendencias de fóra, foron as pioneiras.

Elvira López Neira, de Foz, foi a primeira rapaza da Mariña en usar bikini, aló polo 1968. Comprouno por correo, a través dunha revista de Galerías Preciados que uns veraneantes de Madrid deixaran na súa casa. "Era amarelo e quedábame moi ben porque estaba moi morena, pero fun moi criticada. Daquela non había televisión e os veciños de algo tiñan que falar. Fóronlle dicindo ao meu pai que ía espida pola praia e el, en vez de chamarme a atención a min, foille berrar á miña nai", que era a cómplice de Elvira nas aventuras estilísticas.

Elvira López Neira, de Foz, foi a pioneira da Mariña. Comprou o seu primeiro bikini por correo no 1968

Explica que, aínda que andou na lingua da xente, a sociedade de Foz era máis aberta que outras da época porque no verán recibían moitas visitas e coñecían a través delas o que estaba por vir. "No inverno eramos catro e coñeciámonos todos, pero no verán viña xente ata do estranxeiro. Daquela veraneaban dous meses, non uns días como agora, e as familias de aquí alugaban cuartos ou ata casas enteiras. Nós algún ano fomos para a bodega que tiñamos no xardín para poder deixarlles toda a nosa casa. O mar daba pouco e facía falta o diñeiro". 

Elvira conta que aquel bikini podería estar de moda agora. "Aínda tapaba abondo e eu funo arranxando para facelo máis baixo. Despois tiven outros máis pequenos. Non me importaba que me mirara a xente. A min gustábame moito a roupa e encantábame todo o que estivese á última".

Elvira era redeira en Foz e mesmo poñía o bikini para traballar no verán, co mandil por encima para gardar as agullas. "Aquí temos o sol moi xusto e había que aproveitar calquera ocasión para poñerse morena", explica con humor.

Os veciños de Elvira fóronlle dicir ao seu pai que andaba espida pola praia

O atrevemento de Elvira animou despois a outras. A súa irmá Pilar mercou un axiña e tamén as súas amigas se foron sumando á moda. "En Foz non había, tiñamos que comprar por catálogo fóra, por correo", nas revistas de venda a distancia.

TAMÉN FOI MISS. Ser a primeira en usar bikini é só unha anécdota máis na vida desta redeira. Elvira López foi Miss Foz, Miss Galicia e participou no certame de Miss España no 1970. "Foi unha experiencia incrible para alguén coma min, dunha familia humilde e que nunca saíra de Foz". O certame celebrouse en Cádiz e quedou entre as sete finalistas.

Nos oito días que pasou aló, compartiu cuarto con Barbara Rey, que daquela aínda se chamaba María García e participaba como Miss Madrid. No xurado estaban Julio Iglesias e Sara Montiel, entre outros, cos que as misses compartían tempo e actividades.

A redeira de Foz chegou a competir polo título de Miss España con Barbara Rey

Elvira López viuse intimidada por todo ese mundo. "Tiña medo, eu nunca saíra da casa. Outras rapazas xa viñan de traballos de modelo, pero eu cosín no aparello desde os doce anos".

A pesar do respecto que lle tiña, sempre se sentiu atraída polo mundo da moda e do espectáculo. "Soñaba desde nena con ser bailarina, modelo, con deseñar roupa. Aínda hoxe me gusta, pero non me atrevín a seguir adiante con iso". Oportunidades tivo, porque despois do certame de Miss España mantivo contacto con algunhas compañeiras e tivo algunha oferta. "Daquela escribiámonos cartas e hoxe aínda teño contacto con Barbara Rey no Facebook. Cando lle mandei a foto acordábase daquela Miss Galicia do 1970".

Elvira López Neira, no certame de Miss España con outras aspirantes

A nai de Elvira axudoulle a ir por diante en cuestións de moda. "A miña nai vendía peixe, pero tamén cosía polas casas. Tiña unha máquina de manivela e levábaa na cabeza a onde a chamaban". Moitos deseños innovadores que a moza lucía eran obra da súa nai. "Cando aínda non se vendían, ela fíxome uns pantalóns curtos coa tea dunhas cortinas de cadros, en rosa e branco. E tamén amañou os pantalóns brancos que o meu irmán trouxo do servizo militar para facerme uns de campá a min. Cosía moi ben. Ela niso era coma nós, gozaba con vernos guapas á miña irmá e máis a min". 

A nai de Elvira cosíalle pantalóns curtos e de campá cando aínda era difícil conseguilos nas tendas

Pero como toda nai, a de Elvira  era precavida e alertaba as súas fillas sobre os posibles perigos. "Avisábanos moito para que tivesemos coidado e desconfianza. ‘Nos vos quededes a varrer, dádevos a valer’, dicía cando iamos aos bailes".

PROPINAS PARA REVISTAS. Elvira recoñece que se fixaba moito nos modelos que traían as veraneantes, pero conta que a súa principal fonte de información e co que máis desfrutaba era coas revistas. "De nena, cando saía da escola, ía repartir telegramas e por iso os de Telégrafos pagábanlles algo aos meus pais. Coas propinas que me daban nas casas, compraba revistas e vía o que estaba de moda".

Aos doce anos tivo que empezar a traballar de redeira. Cando remataba, a última hora da tarde, acudía ás clases nocturnas para sacar o graduado. Aínda cunha vida dura, non se deixou impresionar polo mundo da farándula cando tivo ocasión de coñecelo. "Sempre digo que se fora hoxe ao mellor tería feito doutro xeito, pero non me arrepinto das decisións que tomei. Puiden criar os meus fillos e estou moi orgullosa deles".

LUGO FOI DESPOIS. Tan adiantada foi Elvira que nin en Lugo se atrevían a facer aínda o que ela fixo en Foz. Outra rapaza da época, Branca Rodríguez Pazos, conta que usou esta prenda por primeira vez na Costa Brava, en 1973. "Eu tería uns 20 anos, estaba estudando en Santiago. A partir dese momento xa o puxen sempre. Daquela ía ao Club Fluvial e todas as rapazas da miña pandilla o usaban con normalidade".

Non lembra onde o comprou, pero non recorda ter tido problemas para atopalo. "Foi en Lugo, supoño que nalgunha das mercerías do centro, que era onde se compraban esas cousas".

Branca Rodríguez Pazos puxo o bikini no 1973, de vacacións na Costa Brava

Rodríguez Pazos resta transcendencia a pasar do bañador ao bikini. "Veume como calquera outra prenda de moda, como a saia plisada, a minisaia, a moda ibicenca ou a hippy. Puxen de todo".

Sempre foi unha moza moi disposta. "Nunca me gustou chamar a atención, pero tampouco andaba pendente de se a xente me miraba ou non".

Bromea sobre a novidade que supuxo a chegada do bikini e coas polémicas entre defensores e detractores: "Eu para iso son naturista. Non sei por que hai que vestirse para meterse na auga. Nas praias todo o mundo debería ir espido, é o máis natural".


CURIOSIDADES
Grecia e Roma
► Os primeiros bikinis aparecen xa na Grecia antiga e no imperio romano. Era o atuendo habitual das deportistas. Unha das representacións máis coñecidas é un mosaico de Piazza Armerina (Sicilia) que mostra un grupo de mulleres con esta prenda.

A moral do cristianismo
► Entre os bikinis clásicos e os modernos hai un intervalo de máis de 1.300 anos forzado polo cristianismo, que decidiu que nadar ou bañarse ao aire libre era pouco decoroso. No século XVIII empezouse a utilizar un traxe de baño que non ameazaba o pudor, pois consistía nun vestido amplo e longo ata os pés que só deixaba ver a cabeza e as mans.

Reprobación
► No 1907, a nadadora australiana Annette Kellerman foi arrestada nunha praia de Boston por utilizar un traxe de baño cinguido e sen mangas, que lle cubría desde o pescozo ata os muslos.
► En 1951 celebrouse un concurso de Miss Mundo e a sueca Kiki Hakansson foi coroada en bikini. O acto foi condenado por Pío XII e a prenda deixou de usarse.
► O bikini foi criticado tanto desde o puritanismo coma desde o feminismo. Mercedes Expósito, no libro De la garçonne a la pin up, apunta a clave das críticas faministas: "Hay que preguntarse quiénes consideran el bikini una liberación. Lo inventan hombres. Desnudar el cuerpo femenino es una señal de liberación para ellos, pero habría que preguntarles a las mujeres si se sentían libres o no desnudándose en ese momento".

Diñeiro ou decoro
► No 52, o alcalde de Benidorm, Pedro Zaragoza, ditou unha disposición que permitía usar bikini co fin de atraer turistas estranxeiras. O bispo de Valencia abriulle un expediente de excomuñón, pero el viaxou 500 quilómetros nunha Vespa ata Madrid para explicarlle a Franco que había que elixir entre bikini ou pobreza.

Cine
► No 1962, Úrsula Andress protagonizou a escena máis memorable da serie de James Bonn, ao saír do mar cun bikini branco. Foi na película Dr. No.

Comentarios