Bieito Rubido dirixirá El Debate, un novo xornal que verá a luz o 1 de outubro 

Os seus impulsores detallaron que os principios deste medio son "ofrecer e defender con nitidez unha visión da vida desatendida polo actual escenario mediático"

Bieito Rubido. EFE
photo_camera Bieito Rubido. EFE

O xornalista Bieito Rubido dirixirá El Debate, un novo xornal que verá a luz o próximo 1 de outubro, "independente, profesional, sen muros de pago, respectuoso, con valores e que aspira a contar a actualidade desde os seus principios ideolóxicos". 

Así o deron a coñecer os seus impulsores, que detallaron que estes principios son "ofrecer e defender con nitidez unha visión da vida desatendida polo actual escenario mediático". 

O diario é herdeiro de El Debate, o rotativo español que tivo como gran impulsor a Ángel Herrera Oria, entre 1910 e 1936. Os mesmos promotores daquel histórico xornal, que contan cunha longa tradición nos medios de comunicación españois, volven recuperar esta cabeceira 111 anos despois. 

Deste xeito, detallaron que El Debate, cuxa sede se sitúa en Madrid, defende "sen complexos" un ideario cuxos vértices fundamentais son, no ámbito político, as defensas da unidade de España, a Monarquía e a orde constitucional e democrática. 

Respecto de Rubido, apuntaron que foi director de La Voz de Galicia (2000-2006), director de Antena 3 de Radio e Antena 3 de Televisión en Galicia (1995-2000), director editorial dos xornais rexionais de Vocento (2009-2010) e director de ABC durante 10 anos (2010-2020). Bieito é, ademais, colaborador de Herrera en Cope e El Cascabel de Trece. Asiduo interlocutor en espazos de radio e televisión, participou, entre outros programas, nos Almorzos de TVE. 

Comentarios