Autoridades cren que se mesturou munición real con falsa na rodaxe de Baldwin

O asistente que entregou a pistola ao actor foi despedido doutra rodaxe en 2019 por un incidente similar

Vigilia en Albuquerque para recordar a la directora de fotografía Halyna Hutchins. EUROPA PRESS
photo_camera Vigilia en Albuquerque para recordar a la directora de fotografía Halyna Hutchins. EUROPA PRESS

As autoridades do condado de Santa Fe (Novo México, EE UU) atoparon no estudo onde Alec Baldwin matou accidentalmente a Halyna Hutchins 500 cartuchos con munición, entre os cales cren que pode haber balas de verdade mesturadas con proxectís falsos.

O xerife de Santa Fe, Adan Mendoza, foi extremadamente cauto durante a súa intervención nunha rolda de prensa, celebrada este mércores, na que confirmou que localizaron a arma e a bala que matou a directora de fotografía da rodaxe do wéstern Rust o pasado xoves.

A pistola, un revolver Colt 45, é un dos case 600 obxectos que as autoridades confiscaron tras inspeccionar o estudo, onde atoparon uns 500 cartuchos de munición que Mendoza describiu como unha mestura de cartuchos "de fogueo, balas falsas" e o que sospeitan que poderían ser "balas verdadeiras".

A estas alturas da investigación, as autoridades de Santa Fe non se atreven a dar conclusións e barallan todos os escenarios posibles, incluída a imputación dalgún dos implicados na rodaxe.

Pero ante as preguntas da prensa sobre a posible responsabilidade legal de Baldwin, que ademais de protagonista da película que se estaba rodando é un dos produtores, o xerife recalcou que "ninguén está descartado".

A única confirmación ata o momento é que o revolver que Baldwin disparou estaba gardado xunto a outras dúas armas, unha modificada para que non puidese disparar munición real e outra de plástico.

Pero na tarde do xoves Baldwin recibiu en man o revolver auténtico e cargado con, polo menos, unha bala segundos antes de ensaiar unha escena na que tiña que apuntar ao obxectivo da cámara que manexaba Hutchins, a quen matou dun disparo que tamén feriu o ombreiro ao director do filme, Joel Souza.

Sábese que este revolver pasou por outras dúas mans antes de chegar a Baldwin: Dave Halls, o asistente de dirección e Hannah Gutierrez Reed, a armeira da produción.

"A investigación continuará e, se a oficina do Xerife determina que houbo un crime e hai unha causa probable, haberá detencións e presentaranse cargos", afirmou Mendoza, quen insistiu en que "cando hai armas ao redor, a seguridade debe ser extrema"

Engadiu, en calquera caso, que tanto Baldwin como o resto de persoas estaban a colaborar coa investigación.

Pola súa banda a fiscal de condado de Santa Fe, Mary Carmack-Altwies, dixo estar preparada para presentar cargos, "se así o determina a investigación", pero matizou que non quere tomar ningunha decisión apresurada.

Mentres avanzan as pescudas oficiais, fóronse coñecendo outros detalles como que o asistente que entregou a pistola a Baldwin foi despedido doutra rodaxe en 2019 por un incidente similar cunha pistola que, por fortuna, non feriu a ninguén.

As declaracións de membros do equipo que traballaban na rodaxe de Rust describen un ambiente de traballo precario no que as protestas se amontoaban e polo que dimitiron media ducia de empregados o mesmo día do accidente. 

Comentarios