Os animais, protagonistas das súas historias

A autoestima e o medo centran o novo conto de Estefanía Padullés

A ilustradora de Paradela acaba de publicar o seu cuarto libro infantil, 'Max e Lea', editado en galego e castelán
La autora en la presentación del cuento en A Coruña
photo_camera La autora en la presentación del cuento en A Coruña

A escritora e ilustradora Estefanía Padullés, veciña de Paradela, acaba de publicar o seu cuarto conto infantil, que leva por título ‘Max e Lea’ e busca traballar cos nenos o medo á escuridade e a autoestima.

Os protagonistas son un tiranosaurio rex, Max, e unha ratona, Lea. "Elixín un dinosauro porque os nenos están bastante fascinados con estes animais", explica. Estes personaxes levan os nomes dos sobriños da escritora, o que foi unha sorpresa e lles fixo especial ilusión. "Están emocionadísimos", engade a autora, quen vive en Paradela desde hai uns anos, aínda que é natural dos Pireneos.

Os protagonistas da historia son Max, un tiranosaurio que ten medo á noite, e Lea, que é unha ratiña que vai intentar axudarlle a superar o seu problema. No conto tamén aparecen outros dinosauros, o cal permitirá aos nenos coñecer as distintas especies destes animais prehistóricos.

Segundo sinala, aborda o medo á escuridade, xa que moitos nenos o sofren. "Trato este tema porque todo o mundo ten medo. Explico que os dinosauros tamén o sofren a pesar de ser grandes. Ao final ensínalles a non ter medo. Os pais coméntanme que está moi ben o conto por abordar este tema", apunta a paradelense.

A obra está publicada por Hércules Ediciones, tanto en galego como en castelán, e os debuxos foron realizados en lapis de cor e acrílico.

A autora destaca a boa acollida que ten a obra, que xa foi presentada hai unha semana nunha librería da cidade da Coruña, coa participación de numerosos nenos. Tamén quere dalo a coñecer na comarca sarriá e achegalo tanto aos colexios como ás librerías.

Comentarios