Apple non poderá acceder a iPhones e iPads sen autorización do usuario con iOS8

O xigante tecnolóxico Apple anunciou hoxe unha modificación no seu novo sistema operativo para dispositivos móbiles, o iOS 8, que impide á compañía acceder aos aparellos sen o consentimento do propietario, unha medida para dificultar os rexistros policiais.

Nun comunicado, a empresa da mazá mordida indicou que, "a diferenza" dos seus competidores, renunciou á posibilidade de acceder directamente aos aparellos dos usuarios sen o contrasinal, algo que si podía facer ata agora.

"Deste xeito, non é tecnicamente posible para nós dar resposta ás ordes do Goberno para extraer datos de aparellos que funcionen co sistema operativo iOS 8", explicou a empresa.

Esta mellora na seguridade protexe da propia compañía -e, xa que logo, da Administración- toda aquela información que poida almacenarse nos dispositivos ou contas de Apple dos usuarios, talles como fotografías, correos electrónicos, contactos, historiais de chamadas, mensaxes, notas escritas ou contidos multimedia.

A nova medida enmárcase nun esforzo da empresa con sede en Cupertino (California, EE UU) en resposta ás voces que lle acusan de colaborar,xunto a outras tecnolóxicas, con demasiada facilidade co Goberno estadounidense e a Axencia de Seguridade Nacional (NSA) cando lle pediron datos de usuarios.

Para impedirse a si mesma o acceso aos dispositivos e as contas dos usuarios sen dispor dos correspondentes contrasinais persoais, Apple modificou o seu sistema de encriptación, e este aplícase de xeito automático unha vez o usuario elixiu o seu contrasinal.

Doutra banda, e no marco dese esforzo por desmarcarse das acusacións de colaboración co Goberno dos EE UU, Apple indicou hoxe que só facilitou datos á administración de menos "do 0,00385 %" dos usuarios dos seus dispositivos.

Comentarios