Borja Tosar: "Desde o ano 2020 caeron sen control catro foguetes chineses"

O astrónomo sarriao advirte de que o lixo espacial entorpece a observación astronómica e limita a capacidade de investigación.
Borja Tosar, astrónomo de Sarria.
photo_camera Borja Tosar, astrónomo de Sarria.

Borja Tosar non perde detalle do que ocorre no ceo e o foguete chinés que cruzou hai uns días sen control non lle pasou desapercibido. Di que non foi o primeiro nin será o último, porque a carreira espacial non ten normas e os corredores que participan nela teñen poucos escrúpulos. 

Un foguete chinés incontrolado acaba de poñer en xaque a medio mundo e ata obrigou a pechar o espazo aéreo español.
Si, é habitual que restos dos foguetes que se poñen en órbita regresen, pero soen ser anacos máis pequenos. Esta era unha peza de 20 toneladas movéndose de forma incontrolada. É intolerable que algo así circule sen control, unha animalada, pero non é a primeira vez que ocorre. Desde o 2020 pasaron por enriba de nós catro foguetes chineses sen control. Antes non se soubo porque non chegou a pecharse o espazo aéreo, pero nesta ocasión si. Unha decisión que estivo moi ben tomada. A posibilidade de impacto era moi pequena e actuaron cunha marxe de seguridade moi grande, pero é o que hai que facer e serviu para practicar ante a posibilidade real dun risco maior.

O espazo é o ‘far west’, podes facer o que queiras. Non se pide permiso porque non hai a quen

Xa van catro e non pasa nada?
O espazo non ten regularización, é o far west. O pistoleiro máis rápido e con máis pistolas vai atracar a dilixencia e quedar co ouro. Podes facer o que queiras. Non se pide permiso para nada porque non hai a quen pedilo. Cada país segue as súas normas e China non ten control ningún, pero tamén acontece noutros países. O artefacto máis grande que caeu descontrolado era de Estados Unidos, a estación espacial Skylab. Caeu no mar e Australia púxolles unha multa de 500 dólares por tirar lixo nas súas augas. Ridículo. Realmente non hai lexislación internacional para nada. Nin para o quentamento global, nin para as guerras... e moito menos para o espazo.

Entón calquera día pódenos caer algo na cabeza.
Non é probable. Tendo en conta que a maior parte do planeta é océano e que gran parte da terra está despoboada, a probabilidade de que caia algo sobre a xente é pequena. Do espazo regresan moitas cousas, pero a posibilidade de que caia algo en Sarria é moi pequena. Máis nos vale coidar o colesterol e a tensión porque dun impacto non imos morrer.

O foguete chinés acabou no mar. Iso tampouco é boa cousa, non?
Non é bo, pero é o menos malo. O mar é moi grande e unha estrutura de metal ata pode servir para un arrecife de coral. Preocúpanme máis os plásticos e microplásticos que tiramos aos océanos.

Temos máis posibilidade de morrer de colesterol que de que nos caia algo do ceo

Pero realmente o que cae do ceo é unha pequena parte do que se manda para o espazo.
Aí está o problema. Unha gran cantidade queda como lixo espacial: satélites que xa non funcionan, partes rotas... son pezas que se moven a velocidades altísimas. Calquera impacto a 26.000 quilómetros por hora é destrutivo e xera proxectís que saen disparados noutras direccións coma balas. É o que se chama efecto Kessler: impactos que xeran outros impactos. Isto pon en perigo os satélites que están funcionando. A estación internacional vai cun radar para poder esquivar o lixo espacial. Esas pezas non se desintegran, poden estar miles de anos dando voltas polo espazo. Estropean a órbita baixa, que é onde están os satélites meteorolóxicos ou os de comunicación. O malo é que vai en aumento. Nos últimos catro ou cinco anos lanzáronse máis satélites que en toda a historia.

E cal é o motivo dese incremento?
Que se abarataron os custos. Agora son máis pequenos e eficientes. Incluso hai empresas como SpaceX que os recuperan e reutilizan. Baixan e caen de pé, así aforran o 75% dos gastos.

E para que se queren tantos?
Basicamente para ter comunicacións a velocidade alta. Cada país quere a súa rede, mesmo cada empresa. China, EE.UU., India, Francia, Amazon... Non está xustificado tanto satélite. Unha cousa é ter satélites científicos, para investigación, meteorolóxicos, GPS... pero poñelos en órbita para poder xogar en internet máis rápido é innecesario.

Que consecuencias ten?
As consecuencias son tremendas. A primeira salta á vista. Os satélites vense e entorpecen a observación do ceo. Imos perder as noites estreladas, estropean esa visión idílica do ceo. Pero hai unha consecuencia máis grave: condicionan a observación científica. A parte máis importante da astronomía é a observación desde a Terra e se perdemos esa capacidade estamos perdidos. Se estás captando datos dunha galaxia que está a 10.000 millóns de anos luz e non paran de pasar satélites por diante perdes toda a capacidade de facer ciencia astronómica. É un atentado como tirar a catedral de Santiago para facer un bloque de vivendas.

Que se pode ver hoxe no ceo?
► Unha das paixóns de Borja Tosar é mirar o ceo. Di que nunca dorme moito, "nin aínda que estea nubrado". E conta que estes días, se as nubes axudan, o espectáculo está asegurado e paga a pena perder unhas horas de sono. 

► Hoxe, ao solpor, aparecerá Xúpiter no sureste e ao seu lado, sobre o sur, estará Saturno. Un pouco máis tarde, sobre as 20.30 horas, aparecerá Marte polo leste, unha estrela vermella sobre o horizonte.

► No outono os ceos ofrecen moitas posibilidades de observación porque a Vía Láctea cruza todo o ceo e permite ver moitas constelacións. Ao principio da noite aparece o chamado triángulo de verán, coas estrelas Vega, Deneb e Altair. E pouco despois, o hexágono de inverno, coas constelacións Orión, Tauro e Xémini.

Comentarios