martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

O ferrolán Andrés Suárez, número un en vendas

Andrés Suárez
Andrés Suárez
O quinto álbum do cantautor ferrolán, 'Desde una ventana', encabeza a clasificación elaborada por Promusicae

Desde una ventana, quinto álbum de estudo do ferrolán Andrés Suárez, figura desde este mércores como número 1 en vendas en España tras superar na súa primeira semana no mercado a outros dous álbums debutantes importantes, os de Shakira e os Beatles.

Segundo a clasificación elaborada por Promusicae con datos correspondentes ao período comprendido entre o 26 de maio e o 1 de xuño pasados, o disco El Dorado da artista colombiana ostenta a segunda posición, mentres que o relanzamento polo seu 50 aniversario de Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band aparece en terceiro lugar.

Esta clasificación ilustra o bo momento comercial do cantautor galego, que en outubro celebrou o seu primeiro concerto no multitudinario WiZink Center de Madrid (antigo Palacio de Deportes), tras publicar entón os discos Maneras de romper una ola (2008), Cuando vuelva la marea (2011), Moraima (2013) e Mi pequeña historia (2015).

O seu éxito en lista ten máis mérito aínda tendo en conta de que superou a dous discos internacionais moi esperados, pois o de Shakira é o seu primeiro traballo de estudo desde o seu álbum homónimo de 2014 e nel incluíu 'hits' como La bicicleta con Carlos Vives, Chantaje con Maluma e Me enamoré.

Tamén esta reedición de Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band xerara moita expectación, pois a súa nova mestura en formato estéreo chegaba avalada polo toque no estudo de Giles Martin, fillo do carismático produtor George Martin, man dereita de The Beatles.

No 'top 10' da lista de Promusicae figura outra entrada, a do disco Vente conmigo de Aray, no 5. Moito máis atrás figura a seguinte novidade, Donde el amor rompió de Warcry, no 19.

O resto dos primeiros postos ocúpanos Lo niego todo de Joaquín Sabina, un dobre platino forte no cuarto lugar; a BSO da La La Land, que sobe ao número 6; México & Amigos de Julio Iglesias, que baixa ao 7, igual que Destino de Antonio Orozco, ao 8, e Harry Styles, do exmembro de One Direction do mesmo nome, ao 9. Pecha Música de guarda, de El Arrebato, no 10.

Outros movementos a destacar son os do número 1 previo, Chalk dreams de Carlos Marco, primeiro disco en solitario do exintegrante de Auryn, que cae ata o posto 30, e o de Dangerous Woman, o máis recente álbum de Ariana Grande, que sobe posicións (ao 35) tras o atentado que tivo lugar no seu concerto en Manchester.

Á fronte da lista de cancións de maior éxito en España segue Despacito de Luís Fonsi, por diante de Felices los 4 de Maluma e Shape of you de Ed Sheeran.

O ferrolán Andrés Suárez, número un en vendas
comentarios