As análises de ADN confirman que hai un descendente vivo de Touro Sentado

É a primeira vez que se usa esta proba para confirmar unha relación familiar actual con personaxes históricos
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Ernie Lapointe. EFE

As probas de ADN extraído do coiro cabeludo do xefe indíxena da tribo dos sioux Tatanka Iyotanka, máis coñecido como Touro Sentado, demostraron que un descendente vivo que afirmou que era o seu bisneto efectivamente o é, segundo un estudo publicado este mércores na revista especializada Science Advances.

Isto é especialmente relevante porque se trata da primeira vez que se utiliza ADN antigo para confirmar unha relación familiar entre individuos vivos e históricos, de acordo ao profesor Eske Willerslev da Universidade de Cambridge (Reino Unido).

A confirmación desta conexión familiar foi posible mediante un novo método para analizar liñaxes familiares utilizando fragmentos de ADN antigos, desenvolvido por un equipo de científicos dirixido polo profesor Willerslev e o Centro de Geogenética da Fundación Lundbeck da Universidade de Copenhague.

O equipo comparou o ADN autosómico, é dicir, non específico de xénero, do coiro cabeludo do líder indíxena Touro Sentado con mostras de ADN de Ernie Lapointe, un home que afirmaba ser descendente seu, e outros membros da mesma tribo sioux.

Os científicos tardaron 14 anos en atopar unha forma de extraer o ADN utilizable do guecho de pelo de Touro Sentado, duns 5 a 6 centímetros, e nun estado "extremadamente degradado", segundo os expertos, logo de estar almacenado durante máis dun século a temperatura ambiente no Museo Smithsonian de Washington antes de ser devolto a Lapointe en 2007. Os resultados demostraron que Lapointe é efectivamente bisneto de Touro Sentado e, en consecuencia, o seu descendente vivo máis próximo.

O descendente de Touro Sentado quere enterrar os restos do antigo líder indíxena nun lugar máis apropiado que o actual

Tras coñecer os froitos deste estudo, Lapointe celebrou que por fin se recoñeza a súa conexión despois de que ao longo dos anos "moitas persoas traten de cuestionar" a súa liñaxe.

Ademais, ao ser o seu descendente vivo máis próximo, Lapointe espera poder volver enterrar os restos do líder nativo americano nun lugar "máis apropiado" de onde están actualmente.

De acordo ao equipo de Willerslev, esta nova técnica achanda o camiño para probas de ADN similares para comprobar a relación entre moitas outras figuras históricas mortas hai moito tempo e os seus posibles descendentes vivos.

Este método tamén podería usarse para responder preguntas baseadas en ADN humano antigo que anteriormente podería haberse considerado demasiado degradado para analizar, por exemplo, en investigacións forenses. 

Comentarios