Ana Obregón e Ramón García, xuntos outra vez

Unha das parellas televisivas por excelencia nos anos 90 volverá por Nadal. Ana Obregón e Ramón García son os nome elixidos para presentar outro clásico da pequena pantalla, o programa musical de RTVE, Telepasión. O seu labor nesta escena consistirá en dar paso ás diferentes actuacións que terán lugar no programa que, segundo informa FórmulaTV, estará ambientado nunha época televisiva futurista.

Tras seis anos de ausencia, o regreso de Telepasión terá lugar esta Noiteboa. Alí poderemos ver ao vello dúo que, desde 1993 ata 1998, conformou a imaxe do emblemático ¿Que apostamos?, un show no que Obregón e García demostraron unha perfecta complicidade que lles permitiu dar un novo aire á pequena pantalla e entrar a través dela en todas as casas para ser un máis. Con este programa consolidáronse como parella, e dos estudos do programa pasaron á Puerta del Sol para presentar as badaladas de fin de ano en dúas ocasións, no ano 1995 e no 2004.

Dez anos máis tarde da súa derradeira benvida ao ano, vólvense a atopar en datas festivas para recuperar un antigo formato da televisión pública nacional que algúns caracterizan por ter un encanto especial, con personalidade e creatividade, que se foi apagando cos anos. Este ano poderemos comprobar se recuperan ese algo que no seu día tiñan, tanto o programa como a parella.

Comentarios