Admiten a trámite unha querela por plaxio contra Carlos Vives e Shakira polo tema 'La bicicleta'

O cubanao Liván Rafael Castellanos asegura que a canción copia un fragmento do seu tema 'Yo te quiero tanto'
Fotograma del videoclip de 'La bicicleta'
photo_camera Fotograma del videoclip de 'La bicicleta'

O Xulgado mercantil número 12 de Madrid admitiu a trámite unha querela contra Carlos Vives e Shakira por presunto plaxio do seu tema La bicicleta, exposta polo cubano Liván Rafael Castellanos Valdés, que asegura que copia fragmentos do seu tema Yo te quiero tanto, de 1997.

O cantante cubano argumenta na súa demanda, que anunciou a finais do ano pasado aínda que foi agora cando un xulgado madrileño admitiuna a trámite, que lle enviou a Vives, a través de Sony ATV, "unha mostra" do seu tema para que a cantase, pero o colombiano decidiu reproducir "un fragmento" da mesma sen a súa autorización. No retrouso do seu tema, Shakira e Carlos Vives cantan: "que te sueño y te quiero tanto", e no de Liván: "yo te quiero, yo te quiero tanto".

A denuncia foi interposta pola editora e representante do cubano, MDRB (Maryla Dianik Romeu) Music, contra Sony Music Latin, Sony Music Entertainment, Sony ATV Publishing holdings Spain, EMI Music Publishing Spain, Shakira, Carlos Vives e Andrés Eduardo Castro.

Fontes da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) informaron a Efe de que, ante a demanda, decidiron suspender o abono das cantidades que corresponden por dereitos de autor.

A partir de agora, demandados e demandantes disporán de 20 días para achegar os documentos e probas que estimen oportunos en defensa das súas respectivas actuacións.

O tema La bicicleta, rexistrado por Carlos Vives e Shakira e producido por Andrés Castro, que comeza con cumbia colombiana, vallenato e finaliza con reguetón, gañou o Grammy Latino a mellor canción en 2016 e vendeu no mundo máis de 210.000 copias.




Comentarios