miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Adeus ás masas

Unha praia de Vigo, en 2019. ARQUIVO
Unha praia de Vigo, en 2019. ARQUIVO
A Organización Mundial do Turismo quere un sector sostible, rural e de calidade, aspectos nos que Lugo parte con vantaxe

A ORGANIZACIÓN Mundial do Turismo (OMT) celebrou o domingo o Día Internacional do Turismo, unha data con 40 anos de historia e que este ano coincide cun momento tan crítico como importante: o sector está chamado a liderar a recuperación económica en tempos de pandemia, pero co reto engadido de reinventarse e ser unha alternativa de desenvolvemento sostible e respectuosa coa contorna natural e social.

En Galicia, o sector representaba en 2019 o 10,4% do PIB (Produto Interior Bruto) e o 11% do emprego. Nese mesmo ano, a provincia de Lugo foi a que máis evolucionou en número de pasas a noite e turistas, cun incremento do 12,4% no caso da demanda e do 13% no número de turistas, segundo os datos da propia Xunta de Galicia. 

O covid e os rebrotes puxeron o sector a proba e chegado o final do verán os profesionais do mesmo analizan o que pasou e os retos que hai que asumir a curto e medio prazo. 

Lilian Ferral: "O covid acelerou un cambio de tendencia. É a oportunidade dos sitios pequenos"

Lilian Ferral Martínez é a directora do Parador de Monforte de Lemos, integrado na rede nacional. Ela é optimista co presente e o futuro do sector, aínda que insiste en que hai que asumir desafíos e incorporar novos métodos de traballo. 

O verán neste establecemento foi "mellor do esperado" e a ocupación en agosto chegou ao 90%, "unha cifra moi similar á de anos anteriores", explica, "aínda que os datos caeron un pouco a finais de mes polo brote que viviu a cidade", engade. 

Os clientes nacionais amorteceron unha campaña que se prevía negra coa anulación, por exemplo, de gran parte das celebracións familiares e de absolutamente todos os congresos profesionais e reunións empresariais. "Os próximos meses serán decisivos. Os congresos médicos, por exemplo, seguen parados, como é lóxico, e as previsións non son boas para o turismo internacional porque hai restricións e corentenas obrigatorias para os viaxeiros de moitos dos países que nos visitaban nestas datas. Con todo, haberá que ver en que medida o turismo nacional axuda a paliar esa situación no outono. No verán o turismo de proximidade mitigou perdas, haberá que ver se iso se repite no outono", apunta Lilian. 

De todos os xeitos, esta profesional confía no potencial de Ribeira Sacra. "É un destino á alza. Ten unha oferta única, sen aglomeracións, moi vinculada á natureza e con valores engadidos como a gastronomía ou os monumentos, e iso é o que busca precisamente agora o viaxeiro", matiza. 

"As tendencias cambiaron e o viaxeiro desexa tranquilidade, intimidade e lugares seguros con distancia social", engade. "O turismo slow, o eco e o de experiencias xa estaban aí, pero o covid aumentou a súa demanda e acelerou os cambios no sector", di. "É o fin das aglomeracións e a oportunidade dos sitios pequenos, algo que xa vai na propia filosofía de traballo de Paradores. Desde sempre a rede apostou por xerar riqueza e desenvolvemento en zonas máis esquecidas, máis apartadas e nas comunidades rurais, e igual por iso resistimos mellor a crise", conclúe.

Carlos Gil: "A Mariña é un destino tranquilo, de calidade, potenciar iso é o que pode salvarnos"

Na outra punta da provincia, na Mariña, un brote a principios de verán impuxo un novo confinamento e afogou aínda máis un sector que xa sufría un verán complicado pero, segundo apunta Carlos Gil, da empresa de multiaventura Maremasma, con todo a campaña pechouse mellor do esperado. 

"Ata o 15 de xullo a tempada foi moi dura, pero despois comezou a despegar grazas ao potencial natural da Mariña. Somos un destino tranquilo, de turismo familiar, sen aglomeracións e seguro. Iso axudounos a saír adiante pese ao brote", insiste Carlos Gil. 

Como Lilian, confía na recuperación e tamén sabe que primeiro se estabilizará o turismo nacional e que polos estranxeiros haberá que esperar un pouco máis. Pero resalta que A Mariña debe ser fiel á súa esencia se quere prosperar. "Hai que seguir apostando pola calidade, polas nosas peculiaridades e polo noso patrimonio. Iso é o que atrae o cliente. O modelo slow é o noso modelo agora e cando remate o covid", engade, e pon un exemplo: "Este verán preparamos unhas rutas coa Mancomunidade de Municipios da Mariña. Foron 21 propostas de sendeirismo guiado con aforamento reducido nas que se mostraban os recursos menos coñecidos de todos os municipios e púñase de relevo a calidade humana dos guías que coñecen e aman a zona. Foi un éxito rotundo porque se ofreceu un produto de gran calidade, desde a proximidade e sen aglomeracións. Por aí vai o futuro". 

Mero Amieiro: "Anulamos os pagos anticipados para animar o cliente. A xente respondeu ao 100%"

CERCANÍA. A mesma ecuación de Carlos Gil deféndea Mero Amieiro, que rexenta varios apartamentos turísticos na praia de Altar de Barreiros. Para el, "o futuro é complicado e ata que non se vexa a fin do covid todo son incertezas, pero a medio prazo hai que manter a seguridade, a tranquilidade e a proximidade que caracteriza á costa de Lugo. Iso proporciona un turismo estable e prolongado non tempo, máis aló das modas", di.

Do mesmo xeito que Carlos Gil, apunta que o inicio do verán na costa lucense foi moi complicado debido ao brote. Pero tamén resalta a capacidade de recuperación que se produciu a partir do 15 de xullo. "Creo que os aloxamentos fixemos unha campaña moi arranxada, dadas as circunstancias, anque teño a impresión de que no caso dos hosteleiros as cifras non son nada boas", di. 

No seu caso concreto, foi a clientela nacional de moitos anos a que arranxou os datos. "Teño clientes dun ano para outro e seguiron vindo. Tamén é certo que deamos moitas facilidades e, por exemplo, non esiximos ningún pago por adiantado, o que animou a xente e lle deu seguridade. Os clientes responderon ao 100%", apunta. Ademais, este ano tamén teñen xente en setembro, engade. 

Este empresario non quere adiantar previsións de futuro pero comenta que o bo servizo debe ser o contrasinal para saír adiante. "Aquí sempre se traballou dende a proximidade, desde a relación case familiar co cliente e creo que iso axudou a que agora, a pesar de todo, volvesen a confiar en nós", conclúe. 

Francisco Almuíña: "Estamos no momento de cambiar o modelo e as formas de traballar"

NO RURAL. Francisco Almuíña é o presidente da asociación Ribeira Sacra Rural, que agrupa negocios de turismo rural da comarca. Ademais, forma parte de Fegatur, a federación galega do sector. Almuíña é pragmático e insiste en que "efectivamente co verán comezou a recuperación na Ribeira Sacra e o mes de agosto foi semellante ao de anos anteriores, pero viñamos de moitos meses ingresando cero", insiste e sinala que "as características da comarca, dos seus espazos naturais e o seu illamento axudaron moito, anque tamén se fixo un gran traballo dende a asociación e dende o consorcio para crear e ofrecer un turismo seguro", comenta. 

O que ten claro este profesional é que hai moitos cambios que trouxo a pandemia que chegaron para quedar e transcenderán o covid. "Os momentos críticos invitan á reflexión e creo que estamos no momento de replantexar o modelo de turismo que queremos. Para min, o turismo rural, sostible, seguro e de experiencias debería saír reforzado de todo isto", comenta. 

Neste novo modelo, Almuíña cre que é imprescindible a colaboración entre os sectores públicos e privados. "Parece que as administracións están agora máis abertas a escoitar os pequenos empresarios pero tamén temos que colaborar máis entre nós a noutros niveis. Por exemplo, entre os hostaleiros e os pequenos produtores das denominacións de orixe podemos axudarnos para sacar adiante a economía local, ser uns os escaparates dos outros", conclúe.

Os datos
Turismo internacional 
A chegada de viaxeiros internacionais foi a que máis se resentiu co covid, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). No mes de xullo, cando se reactivou o sector, chegaron a España 2,5 millóns de turistas internacionais, un 75 % menos que no mesmo mes de 2019. 
Francia foi o principal país emisor, seguido de Alemaña e Reino Unido. 
Nacional 
No mes de xullo, Galicia amorteceu a caída turística cunha caída interanual do 51% en estancias fronte ao 73% do resto do Estado. 
Por provincias, o comportamento foi desigual cunha caída máis acusada en Lugo (-63%) e na Coruña (-53%) fronte a Pontevedra (-47%) e Ourense (-42%). O descenso en Lugo estivo relacionado co rebrote da Mariña. 
Agosto 
Os datos de agosto foron de recuperación. No conxunto de Galicia confirmáronse o 80% das reservas e mantivéronse practicamente os prezos. 
Na provincia de Lugo, a Ribeira Sacra liderou a recuperación cunha ocupación media na campaña de verán do 85% a pesar da pandemia. 
En previsión 
A ocupación no terceiro trimestre do ano podería baixar no conxunto do Estado un 50% en relación ao 2019.

Adeus ás masas
comentarios