Adega dá un "ultimato" á Xunta para que protexa a Cova Eirós en Triacastela

A organización ecoloxista asegura que, de non facer nada o Goberno galego, denunciará no xulgado a "desprotección" do xacemento arqueolóxico "máis importante do paleolítico en Galicia", situado en Triacastela
Varios arqueólogos, durante una de las campañas de excavaciones en Cova Eirós. Foto: AEP
photo_camera Varios arqueólogos, durante una de las campañas de excavaciones en Cova Eirós. Foto: AEP

A organización ecoloxista Adega lanzou este xoves un "ultimato" á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que promova "medidas efectivas" que protexan a Cova Eirós, o "xacemento arqueolóxico máis importante do paleolítico en Galicia", porque pola contra denunciará a súa "desprotección" no xulgado.

Adega presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha solicitude de información sobre "o estado de tramitación do expediente" para a declaración da Cova Eirós, en Triacastela, como Ben de Interese Cultural (BIC).

A organización ecoloxista afirma que "esta será a última oportunidade" que lle dará á Administración para "coñecer en que grao está a cumprir coas súas obrigacións legais e promovendo medidas efectivas para a protección do xacemento".

Recorda que "ao amparo das leis galega e estatal de protección do patrimonio histórico e cultural, as covas con presenza de arte rupestre son declaradas polo Ministerio como Ben de Interese Cultural".

Por iso, sostén que lle corresponde ao "Goberno autonómico por imperativo legal decretar coa máxima prema posible a protección da Cova Eirós coa figura de BIC".

"De non recibir resposta no prazo legal ou comprobar que a Xunta non está a actuar de acordo coas leis establecidas", engade Adega, a organización ecoloxista acudirá "aos xulgados para denunciar a situación de desprotección legal que está a sufrir a Cova Eirós".

Comentarios