A cría de oso pardo Saba volve ao bosque nos Picos de Europa tras meses de coidados

Fora rescatada no pasado maio en Asturias
La osezna Saba. JUNTA DE CASTILLA Y LEÓN
photo_camera A osezna Saba. JUNTA DE CASTELA E LEÓN

Técnicos de Castela e León, Asturias e Cantabria liberaron no Parque Nacional de Picos de Europa unha cría de oso pardo que fora rescatada no pasado mes de maio no Principado —en Santo Adriano— e permaneceu meses en rehabilitación. 

Atendendo á información da Junta de Castela e León, o animal foi liberado o martes na vertente asturiana da zona occidental do Parque Nacional dos Picos de Europa, de acordo co protocolo de traballo aprobado nunha reunión do grupo de oso cantábrico celebrada en setembro. A cita foi coordinada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, coa participación de expertos e as catro autonomías con presenza da especie, entre as que está Galicia.

Os traballos para a liberación comezaron cedo nas instalacións de Valsemana, en León —lugar no que se gravou o vídeo—, onde a osa completaba a fase de adaptación nas instalacións que dispuxera a Junta de Castela e León, coa colaboración do ministerio. Alí, como en ocasións anteriores, un equipo de técnicos das tres comunidades implicadas procedeu a anestesiar a osa para a realización do último recoñecemento veterinario e a colocación do dispositivo de seguimento a través de GPS

Tras este traballo, o exemplar foi introducido nun remolque especial e reanimado antes de comezar o traslado. Unha vez no lugar de solta seleccionado, permitiuse a saída de Saba, que se afastou entrando nun bosque. A partir deste momento, equipos de gardería coordinados por persoal do parque nacional realizarán o seguimento do exemplar

Os expertos cren que pode axudar a conectar a poboación de osos da zona oriental da cordilleira cantábrica coa do occidente, a que toca Galicia.

A osezna volve así a estar en liberdade, tras ter que recibir coidados intensivos logo do seu rescate en Asturias. Desde alí foi trasladada ás instalacións de recuperación de fauna silvestre de Villaescusa, do Goberno de Cantabria, onde se conseguiu a súa recuperación. Tras un recoñecemento veterinario, en setembro trasladouse a Valsemana.

Comentarios