A hora da 'Terra', Tanxugueiras compite para que o galego soe en Eurovisión

Rigoberta Bandini e Chanel semellan as rivais máis poderosas do trío de pandereiteiras na final deste sábado

Tanxugueiras, en Benidorm. MORELL (EFE)
photo_camera Tanxugueiras, en Benidorm. MORELL (EFE)

RTVE vén de reactualizar o Festival de Benidorm, un formato de talentos musicais nacido no desarrollismo franquista no que brillaron Julio Iglesias, Raphael, Karina, Betty Missiego, Juan Pardo ou El Dúo Dinámico. O Benidorm Fest renace con estética de festival indie e coa vocación de atopar un formato de selección española para o Festival de Eurovisión que poida consolidarse ou enganchar os eurofáns, como sucede cos veteranos Melodifestivalen de Suecia, o Festival da Canção de Portugal ou o italiano Sanremo. Despois de dúas semifinais, o Benidorm Fest encara a noite deste sábado a súa final cun grupo de pandeireteiras galegas, as Tanxugueiras, con opcións de gañar o pasaporte a Turín que as leve a actuar en Eurovisión da man da súa canción Terra, unha muiñeira galega para o século XXI (ou para o XXII).

Poucas cousas alimentan máis o eurofandom (a comunidade de seareiros do Festival de Eurovisión, segundo o seu tecnolecto) que os eurodramas e as Tanxugueiras teñen sido protagonistas –involuntariamente– dalgúns dos que aconteceron esta semana en Benidorm. Primeiro, co positivo en Covid que retrasou a a chegada e os ensaios de Aida Tarrío e, sobre todo, de Olaia Maneiro, que aterrou en Alacant só unhas horas antes de subir a defender o seu tema no Palau d’Sports. Despois veu a "aldraxe": unha valoración do xurado profesional escollido por RTVE que situou as galegas quintas de entre as seis propostas presentadas na gala, o que acendeu os apupos en directo e desaforou a indignación no Galituíter, nos foros de Facebook e nos grupos de WhatsApp. 

Sobre este aspecto, cabe a reflexión en quente que fixo Xosé Manuel Piñeiro, presentador da TVG, eurofán confeso e o primeiro en ver o potencial eurovisivo das Tanxus no seu programa Bamboleo. “O xurado vai ser o mesmo na final? Pois entón estamos fodidos”, sentenzou Piñeiro. Sabela, Olaia e Aida pasaron á final de Benidorm Fest impulsadas pola súa segunda posición no panel demoscópico e como favoritas do televoto. Chegadas ata aquí, como de fastidiado (por non repetir o verbo usado por Superpiñeiro) o teñen as Tanxugueiras para gañar o Benidorm Fest?

‘Flopeadas’ polo xurado

Na xerga dos eurofáns, os xurados profesionais poder ‘flopear’ ou ‘tankear’ (afundir) unha candidatura polos máis diversos motivos. O que sucedeu na primeira semifinal do Benidorm Fest do mércores pasado coas Tanxugueiras resultou sorpresivo máis aló de que a actuación puidese non estar todo o axustada que o equipo desexaría, xa que só ensaiaron todas xuntas dúas veces. 

Unha das razóns que se esgrimen é o descoñecemento para os grandes públicos urbanos españois dos códigos da música popular do que Rodrigo Cuevas chama o cuadrante arcaizante e que abrangue un pedazo grande da península Ibérica: non só Galicia, senón tamén o Norte de Portugal, o que foi o Reino de León, parte da meseta Norte, Asturias ou Cantabria. Ao propio Rodrigo Cuevas, un dos puntais desa nova música popular a carón das Tanxugueiras, veñen de chamalo estes días “transformista supremacista asturiano”, por exemplo. 

Olaia Tarrío considera que España "está preparada" para este folclore do terceiro milenio que entusiasma en Eurovisión, xa sexa na forma das Wild Dances da ucraína Ruslana que gañou en 2004 ou da danesa Emelie de Forest e o seu Only Teardrops que fixeron o propio en 2012 ou nun dos máis eurovisivos produtos de todos os tempos: o Spirit in the Sky de Keiino, un grupo noruegués que incorpora o yoik, o canto tradicional sami, e que arrasou no televoto en 2019. España e Europa están preparadas, logo. Cabe preguntarse se o estará o xurado do Benidorm Fest.

 

As Tanxugueiras avogan por un concepto 360 -que diría Paquita Salas- na súa traxectoria e tamén nesta ‘Terra’ que queren levar aos palcos de Europa e do mundo todo. Desde a reinterpretación das músicas e os textos das coplas, como mulleres que son do seu tempo, sen esquecer o baile, a vestimenta que lembra os tecidos, bordados, acibechería e motivos do traxe de gala, unha maquillaxe que bebe da Haus Labs de Lady Gala e do encaixe de Camariñas ata a ourivería dos brincos e os sapos dourados pendurados do pescozo. As foliadas e os seráns chegan para quedar se teñen un sentido e unha utilidade para a xente que habita a Galicia de hoxe. 

Por outra banda, na entrevista publicada este xoves por El Progreso e Diario de Pontevedra, Fran Sieira, coreógrafo de Terra e un dos dous bailaríns que as acompañan sobre o escenario, recoñecíalle a Nicolás Carreira que o equipo presente en Benidorm non está de todo satisfeito co resultado técnico e a realización do espectáculo, que primou na semifinal os planos xerais. Aida Tarrío animaba en rolda de prensa o xurado a mirar a actuación da final con ollos limpos, coa esperanza de poder acadar unha proposta que lles mereza unha cualificación á altura. 

As favoritas do público

Poderiamos predicir que Tanxugueiras volverán a ser as favoritas do televoto tamén nesta final se temos en conta que na primeira semifinal, na que actuaron as cantareiras galegas, tivo unha audiencia de 11,5% de cota de pantalla como media no conxunto de España, que se disparou ata o 24,8% de ‘share’ en Galicia. Malia ter a segunda semifinal unha audiencia máis elevada (un 14,2% como media en España, un 19% en Galicia), RTVE recibiu moitas máis chamadas e mensaxes de texto para votar por algunha das cancións candidatas na semifinal das Tanxugueiras: 43.000 fronte a 17.533. Que pasou? Pois que Galicia votou polas súas. 

Esta mobilización galega no televoto fora decisiva para que a inciega Lucía Pérez gañase en 2011 o ‘Destino Eurovisión’ que lle permitiu interpretar Que me quiten lo bailao na final de Eurovisión que se celebrou no Dusseldörf Arena. Con todo, é importante sinalar que daquela a decisión dependía metade e metade de televoto e xurado. Agora, ademais de introducirse o grupo demoscópico, integrado por 350 persoas que representan todas as autonomías en función do seu peso poboacional no conxunto do Estado, o televoto cóntase por decalaxe e non porcentualmente, de xeito que aínda que a diferenza de voto de Tanxugueiras fose de vulto con respecto ao segundo, elas recibirían 30 puntos e o seguinte, 25. Isto significa que o televoto non podería corrixir que o xurado profesional persistise en concederlle á proposta das Tanxugueiras unha cualificación de 38 sobre os 60 puntos posibles, como sucedeu na semifinal. Por comparar, Chanel recibiu 55 e Rigoberta Bandini, un total de 56 puntos. 

O panel demoscópico é unha interrogante aberta toda vez vista a súa resposta nas semifinais. Sobre todo, na segunda, cando lle outorgaron a máxima puntuación a Gonzalo Hermida, o único cantante da noite que non puido actuar debido ao seu confinamento por Covid. Non sería inverosímil que de cara á final desta noite atopemos unha nova relación de favoritos, mais é de agardar que o nome de Tanxugueiras apareza da metade cara arriba nas puntuacións que lles outorguen aos oito finalistas.

O 'dark horse'

Todas as preseleccións e as semifinais de Eurovisión acaban por relevar un dark horse, que é como o mundo eurofán denomina a aquela candidatura que non fixera moito ruído, pero que metidos en fariña se revela como un rival poderoso. Se desde que se deu a coñecer o nome dos participantes no Benidorm Fest asistimos a unha polarización entre tanxugueirers e rigoberters, a primeira semifinal ergueu unha terceira en discordia: Chanel

Slo Mo é un bop na onda do exitosísimo Fuego de Eleni Foureira, gañadora moral de Eurovisión 2018. Pode ser a candidatura máis fabricada e costosa en Benidorm. Trátase dunha composición de Leroy Sánchez con coreografía de Kyle Hanagami, que traballa para Jennifer López ou Britney Spears. Chanel, bregada en musicais, defende con solvencia un número esixente e que require tres pulmóns grazas a backing vocals (voces pregravadas, autorizadas por primeira vez en Eurovisión 2021), que reducen a un minuto escaso os fraseos que canta ela, o que lle permiten un numerazo de baile. 

Para abril, para maio, que cantan elas en Desposorio, quereriamos ver a Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro en Turín. Despois das semifinais, o contador está outra vez a cero. Cantos máis artistas en discordia, máis probabilidades de que se repartan os doces e os deces do xurado entre as favoritas. Aí as Tanxus poden rañar algo. A súa actuación da semifinal vai polo millón de reproducións en YouTube. Ningunha outra se achega sequera a esa cifra; elas seguen a espertar unha adhesión sen precedentes en Galicia e a simpatía e a intriga nos seareiros internacionais do festival. Non é tempo de caer no desacougo, senón de lembrar que hai un ano, por estas datas, os xuíces de Sanremo situaron o Zitti e Buoni de Måneskin no vixésimo primeiro lugar entre as súas preferencias. O público levounos a Eurovisión e gañaron.

Que será difícil? Será. Se alguén pode conseguilo son as Tanxugueiras

Comentarios