A floración das gramíneas trae consigo cada ano o pesadelo dos alérxicos ao pole. A primavera e o verán adoitan ser especialmente problemáticos para as persoas que padecen esta enfermidade crónica, que afecta as vías respiratorias e aos ollos. O pico de perigo xeralmente prodúcese entre marzo e abril, coincidindo coa floración de árbores como o plátano de sombra, os cipreses ou o bidueiro, pero outros factores como as choivas, a calor ou a contaminación inflúen tamén na cantidade de grans no aire e, polo tanto, no número e a agresividade das crises alérxicas.
¿CALES SON OS SÍNTOMAS MÁIS COMÚNS?
A polinose pode producir síntomas oculares (conxuntivite), nasais (rinite), bronquiais (asma) e cutáneos (urticaria). Os máis frecuentes son: taponamento de nariz, moco, picores en padal, estornudos, ollos vermellos, lagrimeo e, nalgúns casos, asma ou urticaria, que aparecen cando a persoa sae ao exterior, a zonas abertas expostas ás gramíneas. Por iso, a primeira medida que adopta o especialista, unha vez confirmado o diagnóstico, é ensinar unhas normas básicas de evitación, aínda que no caso do pole é bastante difícil de esquivar.
¿AXUDA UTILIZAR MÁSCARA?
O uso das máscaras durante a pandemia contribuíu a atenuar os síntomas respiratorios (rinite e asma) destes pacientes ao reducir a inhalación das partículas de pole —ata un 80%, dependendo do tipo—, aínda que coa desaparición da obrigatoriedade do seu uso ao aire libre este impacto viuse moi reducido. En calquera caso, a súa utilización tampouco evita outros efectos, como a irritación ocular.
¿A QUÉ IDADE ADOITA APARECER A ALERXIA?
Os primeiros síntomas preséntanse xeralmente a partir dos cinco anos, pero non é estraño que algunhas persoas debuten como alérxicos ás gramíneas aos setenta. Así, os casos de nenos e adolescentes son os máis frecuentes, pero tamén se pode diagnosticar a partir dos 60 ou 70 anos.
En xeral, produciuse un incremento significativo das enfermidades alérxicas a todas as idades, xa sexa polo efecto da contaminación ou polo exceso de hixiene, que segundo algunhas teorías provoca que o sistema inmunolóxico —o que se encarga de defender o organismo fronte ás infeccións— estea pouco desenvolvido.
¿CAL É O TRATAMENTO?
Avanzouse moito no diagnóstico molecular, que permite, a través de estudos de sangue, detectar a alerxia a unha proteína concreta, por exemplo do pole dunha gramínea específica, o que leva un mellor tratamento de face a indicar unha inmunoterapia. Con todo, o máis habitual segue sendo fornecer ao paciente fármacos para tratar e previr os síntomas, aínda que só as vacinas poden cambiar a evolución da súa enfermidade.
¿INFLÚE O LUGAR DE RESIDENCIA?
Polo xeral, as alerxias primaverais son máis leves nas zonas costeiras porque as brisas nocturnas procedentes do mar limpan o aire e hai menos cantidade de pole. En cambio, as localidades enterradas entre vales e montañas presentan unha acumulación máis grande de alérxenos.
CONSELLOS PARA OS ALÉRXICOS NA PRIMAVERA
A maioría dos poles proceden de plantas con flores moi pouco vistosas e pouco olorosas, como herbas ou malezas. Os días cálidos e ventosos hai maior distribución de pole, por iso os síntomas adoitan mellorar nos días de choiva e sen vento.
Estas son as recomendacións do Sergas para diminuír os síntomas na época de polinización:
- Evitar actividades ao aire libre (exercicio, paseos en bicicleta, cortar céspede…), sobre todo os días asollados e ventosos.
- Manter as fiestras pechadas o maior tempo posible.
- Viaxar cos portelos do coche pechados.
- Utilizar lentes de sol para diminuír á irritación dos ollos
- Instalar filtros antipole nos coches.
- Utilizar un casco pechado se viaxa en moto.
- Evitar secar a roupa ao aire libre.
- Ter especial precaución na condución se está a tomar antihistamínicos, xa que algúns deles poden provocar soño.