A Xunta renova o tellado do pavillón do CAPD

O orzamento de licitación ascende a 64.600 euros
undefined
photo_camera Os operarios instalaron as redes de protección e o guindastre para empezar a renovar a cuberta do centro. PORTO

A Consellería de Política Social sacou a licitación a obra de renovación da cuberta do pavillón polideportivo do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, uns traballos aos que a Administración autonómica destina un orzamento total de 64.602,70 euros.

Esta actuación terá un prazo de execución dun mes e o sistema contractual será o procedemento aberto supersimplificado, polo que aqueles que desexen presentar as súas ofertas deberán facelo a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta (Silex) da Consellería de Facenda antes das 10.00 horas do 2 de agosto.

O obxectivo desta obra é acabar co deterioración que presenta a cuberta de lousa do edificio, que orixina filtracións e ocasiona danos no propio tellado e no interior das instalacións.

Tamén se iniciaron os traballos de substitución da cuberta no edificio principal

Para iso, a área que dirixe Fabiola García proxecta desmontar e retirar a lousa existente, así como o rastrelado situado debaixo dela e que tamén presenta numerosos danos e o canlón de aluminio, que habería que substituír por un de maior sección mantendo as bajantes que hai actualmente. Ademais, colocarase unha nova cuberta de panel sandwich de aceiro prelacado, aseguraranse os vidros dos lucernarios para que estes non se deslicen e instalaranse dúas liñas de vida, unha en cada faldón da cuberta.

Estes traballos súmanse a outros que a consellería "está levando a cabo en orde a mellorar as instalacións" do CAPD, como a substitución da cuberta do edificio principal do centro e dunha pérgola do xardín. Estes labores xa se iniciaron coa instalación dun guindastre e das redes de protección por parte dos operarios. As obras de renovación do tellado comezarán esta mesma semana.

Comentarios