jueves. 27.02.2020 |
El tiempo
jueves. 27.02.2020
El tiempo

A Xunta levantará en xaneiro as actas de expropiacións para desdobrar o corredor

Autovía de Sarria. EP
Autovía de Sarria. EP
Os prpietarios de 53 parcelas situadas en Sarria e O Páramo están convocados para os días 13, 15 e 16. Recibirán 255.000 euros en total

A Xunta de Galicia convocou para o mes de xaneiro aos propietarios das 53 parcelas de Sarria e O Páramo afectadas o desdobramento do corredor para proceder ao levantamento das actas previas á expropiación dos terreos, partida á que destina 255.000 euros.

Esta primeira fase da autovía Sarria-Nadela abarca o tramo comprendido entre os quilómetros 13,5 e 24, é dicir, entre a saída Sarria-Centro e a que conduce a A Pobra de San Xiao e O Páramo.

O anuncio de levantamento de actas previas, publicado este sábado no Boletín Oficial da Provincia, cita aos propietarios do Páramo na casa consistorial do municipio o 13 de xaneiro, de 9.30 a 13.30 horas. No caso de Sarria, será tamén no salón de plenos os días 15 e 16. Para a primeira xornada, de 9.30 a 14.00, están convocados os afectados cuxos apelidos se atopen entre Arias Díaz e Paz López. O segundo día, de 9.30 a 13.00 horas, deberán acudir desde Pérez Torres a Vázquez Vázquez.

Estas reunións teñen como fin recompilar os datos necesarios para determinar os bens afectados polas obras do desdobramento, o seu valor e os prexuízos derivados da súa rápida ocupación. Se fose necesario, poderían trasladarse aos terreos en cuestión.

A relación de titulares coas parcelas correspondentes pode consultarse en ambos os concellos, así como no servizo provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, no edificio administrativo da Rolda da Muralla, na cidade de Lugo.

Os propietarios deberán acudir ao levantamento das actas en persoa ou ben representados por alguén debidamente acreditado. Terán que achegar documentos que xustifiquen a titularidade do terreo, DNI, último recibo da contribución e certificado de conta bancaria para os sucesivos pagos. Tamén poderán presentarse, se o consideran necesario, acompañados de peritos ou notarios con honorarios ao seu cargo.

Esta primeira fase da autovía terá un custo duns 24,4 millóns de euros, segundo datos da administración autonómica. A súa previsión é sacar a licitación as obras dentro deste mesmo ano co fin de que comecen no primeiro semestre de 2020, cun prazo de execución de 24 meses.

Os traballos suporán a construción dunha nova calzada paralela á existente pola marxe esquerda, en sentido Sarria.

Aínda quedará unha segunda fase da infraestrutura ata Nadela cuxo custo podería superar os 35 millóns e para a cal non hai prazos de momento.

Primeira fase: Once quilómetros de autovía
A primeira fase da autovía afecta a un tramo de once quilómetros entre Sarria e a saída da Pobra de San Xiao-O Páramo, que é o que presenta menores opcións de adiantamento. Haberá que adaptar tres enlaces e pasos inferiores, ademais de repor varios camiños de servizo. 

A Xunta levantará en xaneiro as actas de expropiacións para...
Comentarios