
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quixo tranquilizar aos gandeiros afectados pola praga de ratas topo e declarou que a Xunta estuda desfacer as galerías e os túneles que constrúe esta especie para facer fronte á praga.
Balseiros mantivo este luns unha reunión en Triacastela cos gandeiros afectados pola praga de ratas topo que está a esnaquizar os cultivos e pastos de varios municipios da Montaña lucense, co obxectivo de explicarlles as medidas que planea adoptar a Xunta de Galicia.
Ademais de trasladarlles "unha mensaxe de tranquilidade", avanzou que "a Xunta está a estudar cos técnicos todas as posibilidades para facer fronte á praga" e dixo que unha das posibles medidas pasaría por desfacer as galerías e os túneles que constrúe esta especie, a arvícola terrestris, porque son "os principais causantes dos problemas nos cultivos".
O director xeral confirmou a presenza destes roedores en Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, As Nogais, O Courel e Samos, dado que técnicos da Xunta desprazáronse a semana pasada á zona para comprobar "a superficie afectada por este roedor", que pode chegar ás 1.500 hectáreas.
Asegurou que a Xunta está "ao lado dos gandeiros" e engadiu que "toda medida que leve a cabo na zona será de forma coordinada cos afectados".
Na reunión tamén participou a delegada territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, Olga IglesiasFontal.