A Xunta estuda implantar sensores para o control do gando en aldeas modelo

Permitirían geolocalizar reses ou ver incidencias en explotacións en extensivo como a de Trascastro (O Incio)

210724_Ines Trascastro
photo_camera Adrián Armesto e Inés Santé, na aldea modelo de Trascastro. EP

A Xunta estuda implantar un sistema baseado na internet das cousas para a xestión das ganderías extensivas en aldeas modelo como a de Trascastro (O Incio). Así o anunciou tras unha visita da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, a este proxecto pioneiro en Lugo.

A iniciativa consiste en estender unha rede de datos que dea cobertura a toda a aldea a través de sensores e que permita aos promotores recibir información en tempo real. En concreto, valórase a viabilidade de levar a cabo "unha rede aberta de baixa enerxía" para que se poidan conectar e recibir información en vivo de sensores de geolocalización de gandería e de sanidade animal.

Tamén se prevé instalar sensores de auga nos bebedores para que os gandeiros poidan controlar o nivel desde calquera lugar. O proxecto complétase con outros para detectar incidencias nos pastores eléctricos, avisándolles cunha mensaxe aos seus móbiles.

A Xunta destaca que con estas tecnoloxías, alimentadas por placas solares, permitirían dar solucións a problemas como dificultade das comunicacións e apoiar o desenvolvemento do rural. Ademais, contribuirían, dixo, á xeración de valor engadido e a sustentabilidade dos produtos das aldeas modelos.

A de Trascastro botou a andar a finais de 2020 cunha explotación en extensivo de strong <>vacas de raza cachena. Na actualidade ten unha vintena de reses e prevé chegar á trintena. Estas se crían nuns terreos de 14 hectáreas de superficie froito da unión de 178 parcelas dun centenar de veciños. A explotación foi promovida por José Armesto e o seu fillo, Adrián, quen confían que en cinco anos estarán a traballar ao 100% para "sacar un rendemento viable". Están "moi contentos" co desenvolvemento da aldea modelo, "unha boa ferramenta” para pobos como Trascastro".

Iniciativas así son unha forma "de crear riqueza nestas zonas", sinalou José Armesto, quen pediu que se facilite aos habitantes do rural acondicionar as aldeas para o seu traballo sexa máis óptimo. Lamentou as "dificultades" da incorporación de mozas, apuntou, e instou a que as administracións o simplifiquen máis.

Comentarios