A Xunta creará en Sarria unha gardería se o Concello achega terreos e fondos

En Marea pide que as dúas administracións fagan as xestións para construír o centro

La depuradora de Sarria. AEP
photo_camera A depuradora de Sarria. AEP

SARRIA. A Consellería de Política Social creará unha gardería Galiña Azul en Sarria se o Concello pon á súa disposición uns terreos aptos para a súa localización e cofinancia a construción do centro e a súa xestión. Así o sinalou o organismo autonómico por mor dunha pregunta de En Marea.

A Xunta asegura na súa resposta que esta información xa foi comunicada ao Concello sarrián por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

En Marea lamentou que a administración autonómica non inclúa a gardería nos seus orzamentos de 2019 e que o Concello non faga as xestións necesarias. Por iso, reclamou que «se poñan a traballar conxuntamente para dispor, canto antes, dunha escola infantil pública en Sarria».

O PSOE acordou nunha reunión entre representantes do partido nos concellos da comarca e a dirección provincial solicitar a gardería Galiña Azul. En Marea instou o partido socialista a que, «en lugar de lanzar soflamas políticas xa xestionadas por En Marea», desde o Concello poña a disposición da Xunta uns terreos para crear a gardería e dispoña dos fondos necesarios para a súa pronta construción.

Tamén solicitou á administración autonómica que leve a cabo unha emenda nos orzamentos do próximo exercicio para contar con financiamento para levantar este centro.

DEPURADORA. Na reunión do PSOE acordouse, ademais, pedir á Xunta a ampliación da estación depuradora de augas residuais (Edar). En Marea afirmou que xa xestionou esta obra ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a cal se comprometeu a realizar a mellora.

Criticou que o Concello non obrigase a este organismo a executar a obra de Ponche Ribeira e agora faga o mesmo coa depuradora. «Semella peor renunciar ao compromiso que conseguimos dá Confederación para as reformas na Edar, sen que atopemos lóxica nese persistente interese do Concello de perdoarlle investimentos moi necesarios á CHMS», opinou.

Comentarios