Un xulgado obriga ao Concello a acabar de tirar un peche en Vilar de Sarria

O contencioso administrativo dá dous meses ao Concello para executar as obras

Trabajos de derrumbe de parte del cierre de Vilar de Sarria en febrero de 2018. AEP
photo_camera Trabajos de derrumbe de parte del cierre de Vilar de Sarria en febrero de 2018. AEP

O xulgado contencioso administrativo número 2 condenou ao Concello sarriao a finalizar o derrube do peche dunha leira de Vilar de Sarria e a reclamarlle aos propietarios o custo da actuación, para o que lle dá un prazo de dous meses.

Dito muro foi levantado sen licenza municipal, polo que os donos debían demolelo e ao non facelo o Concello tería que derrubalo de forma subsidiaria. Así se recolle en varios acordos da xunta de goberno local tomados entre 2014 e 2017. En febreiro de 2018 o Concello levantou parte dese peche, pero o denunciante, Eugenio Márquez, asegurou que as obras non foron realizadas na súa integridade e presentou unha demanda no xulgado.

Tamén se insta ao Concello a reclamar aos propietarios do muro o custo da actuación

Un informe pericial encargado polo demandante sinala que se executaron de forma "parcial", pois non se retirou a malla e os alicerces no primeiro e último tramo do peche da parcela. Tamén indica que non se quitaron as árbores e que a distancia á que están os exemplares non cumpren o retranqueo esixido. Non se restableceu, ademais, unha gavia que existía e falta eliminar algúns restos de peche e de cemento.

Pola contra, o informe dun técnico municipal afirma que as obras "cumpren fielmente" os acordos adoptados no seu día. O xulgado cre que dito documento está "desvirtuado" polo presentado polo demandante. Por iso o tribunal estima que se deben executar as obras como dispón o informe do denunciante.

O Concello, ademais de acabar de demoler o muro de peche da leira, debe retirar unhas árbores e restablecer unha gavia

O xulgado tamén considera que o Concello debe reclamar aos propietarios da leira o custo dos traballos de demolición realizados en febreiro de 2018, así como o importe dos que están pendentes de executar. No entanto, o xulgado rexeita a petición do denunciante de que o Concello reclame aos propietarios da leira o pago de multas coercitivas, pois o proceso xa está en marcha, sinala a sentenza.

A polémica deste peche remóntase a 2011, cando Eugenio Márquez acusou uns veciños de ocupar co muro parte do camiño público de Barreiros e tapar unha gavia cun recheo de terra, de forma que en época de choivas a auga chegaba ás súas propiedades.

Comentarios