O xulgado de Pilar de Lara comisa sete cans nunha parcela de Láncara

O seu dono deixounos sos o día 2 pero di que tiñan comida

Personal retirando uno de los perros en Ronfe, Láncara. PORTO
photo_camera Persoal retirando un dos cans en Ronfe, Láncara. PORTO

O xulgado de Instrución número 1 de Lugo, cuxa titular é Pilar de Lara, comisou este domingo sete cans dunha parcela anexa a unha casa de Ronfe (Láncara).

Persoal do Seprona, a Consellería de Medio Ambiente, a Sociedade Protectora de Animais de Lugo e a residencia Garatuxa de Outeiro de Rei encargáronse de retirar os animais. Foron trasladados a este último centro, co que ten convenio o Concello para a recollida de cans.

A incautación dos canes produciuse despois de que, por mor dunha denuncia da presidenta dun colectivo da provincia, a Sociedade Protectora de Lugo, comunicase á Consellería de Medio Ambiente que unha cadela adoptada nesta entidade en 2013 por un veciño de Ronfe se atopaba en "mal estado".

Por iso, axentes desta consellería trasladáronse á parroquia lancaresa o pasado venres para comprobar a situación dos animais. Os cans aparentemente non estaban en mal estado e tiñan penso e auga. Dixéranlles que había oito animais, aínda que só viron a sete.

O propietario dos cans non estaba, pois viaxara a Madrid na madrugada do día 2, dixo. Os axentes de Medio Ambiente regresaron o sábado a Ronfe por outra denuncia e atopáronse o cadáver dun can, ademais dos sete cans que xa viran o día anterior. Tras iso, este domingo o xulgado decretou a súa incautación. O propietario di que este animal morto non é seu.

O lancarés chegou este domingo a Ronfe, despois de que os axentes contactasen con el, e permitiu a retirada dos animais. Asegurou que tiñan alimento para "quince días" e que, ademais, solicitou a veciños que lles desen comida. "Os cans estaban perfectamente", reiterou.

Ningún dos cans tiña microchip. Ademais, ao tratarse de máis de cinco, segundo a Lei de Benestar Animal, o dono debía comunicalo a Medio Ambiente e telos cunhas determinadas condicións hixiénico-sanitarias. Por iso, poderíase enfrontar a unha sanción administrativa.

Comentarios