O xuíz reabre a investigación de acoso sexual a unha menor de Sarria

A nai da nena, que descubriu o suposto autor ao facerse pasar pola súa filla, foi citada para declarar como testemuña
2020070111593856199
photo_camera Edificio do xulgado de Sarria, situado na Rúa Maior da vila. AEP

O xulgado de Sarria, que no mes de xaneiro acordara o arquivo da causa contra un veciño da localidade por un presunto delito de abuso sexual a unha menor de idade, decretou a continuación da instrución.

Estima deste xeito o recurso de reforma interposto pola familia da moza, ao cal se adheriu o ministerio fiscal.

Os feitos remóntanse ao mes de xuño do pasado ano, cando a nai da menor, de 13 anos de idade, decidiu facerse cargo do móbil da nena polas estrañas mensaxes que estaba a recibir por parte dun veciño, descubrindo deste xeito o presunto acosador da súa filla.

A muller seguiulle a conversa e acabou denunciando tras ver como derivaba a charla cara a unha temática sexual de forma cada vez máis explícita ata enviar fotografías do seu membro e pedir outras imaxes a cambio.

O home dixo que cría que falaba cunha muller de 25 anos

O suposto autor, que alegou actuar crendo que falaba cunha muller de 25 anos, chegou a estar detido e houbo rexistros na súa vivenda e o seu negocio, pero o asunto foi arquivado en xaneiro. O xulgado entendeu que o presunto delito de abuso sexual a unha menor de 16 anos que se lle atribuía non puido cometerse porque era a nai a que respondía as mensaxes do teléfono móbil.

Os proxenitores recorreron o sobresemento da causa argumentando que o home era "pleno coñecedor" da idade da nena e cría que era ela quen contestaba as súas mensaxes.

Nun auto de principios deste mes o xuíz estima o recurso da familia e acorda continuar a instrución co "fin de delimitar os concretos feitos". Para iso, cita a declarar como testemuña nos próximos días a nai da menor. Ademais, visionarase na sede xudicial un dispositivo USB incautado nun rexistro antes da súa devolución ao denunciado.