A xuízo por ameazar e disparar a un home cunha pistola de fogueo

O home "disparoulle á vez que lle dicía 'voute matar' saltando anacos de plástico" á cara da vítima

Juzgados de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Xulgados de Lugo. XESÚS PONTE

O fiscal solicita a un home unha pena de 14 meses de prisión e unha multa de 180 euros por ameazar e disparar a outro cunha pistola de fogueo.

O suceso produciuse sobre as 19.00 horas do 1 de xullo de 2013, cando o acusado se achegou á vítima, que se dirixía ao seu cortello, e sacou unha pistola de fogueo. Segundo recolle o escrito do ministerio público, o home "disparoulle á vez que lle dicía 'voute matar' saltando anacos de plástico" á cara da vítima.

Esta sufriu lesións consistentes en erosións superficiais en rexión infraorbitaria esquerda, precisando para a súa curación unha primeira asistencia facultativa, tardando en curar sete días, non impeditivos, e non ten secuelas. O disparo danoulle as súas lentes, cuxo arranxo ascende a 731 euros.

O home está acusado dun delito de ameazas, polo que o ministerio público solicítalle unha pena de 14 meses de prisión. Tamén se lle imputa unha falta de lesións, pola que o fiscal lle pide unha pena dun mes de multa cunha cota diaria de seis euros.

Ademais, esta reclama o comiso definitivo da arma e a munición e a súa posterior entrega á Intervención de Armas da Garda Civil.

Doutra banda, a Fiscalía solicita que o acusado indemnice á vítima con 224 euros polas lesións causadas e con outros 731 euros pola reparación das lentes. De igual xeito, pide que indemnice ao Sergas na cantidade que se determine en fase de execución de sentenza pola atención sanitaria prestada ao ferido.

O caso procede do xulgado de primeira instancia e instrución de Sarria e a vista estaba previsto que se celebrase este xoves no Penal número 1 de Lugo, aínda que quedou suspendida. O xuízo xa foi cancelado con anterioridade.