A xuíza prohibe ter cans ao veciño investigado por malos tratos en Láncara

Nunha leira de Láncara apareceu un can morto que estaba a ser devorado por outros sete

Recogida el pasado domingo de uno de los perros de la finca de Ronfe. PORTO
photo_camera Recollida o pasado domingo dun dos cans da leira de Ronfe. PORTO

O xulgado de instrución número un de Lugo, cuxa titular é Pilar de Lara, decretou a prohibición de tenencia de cans ao dono dos sete animais que foron comisados nunha leira de Ronfe (Láncara). O home é investigado por presuntos malos tratos animais.

A incautación realizouse tras unha denuncia interposta pola xefatura da Consellería de Medio Ambiente, despois de que "varios veciños" e a Protectora de Lugo desen traslado de vídeos e fotos nos que se apreciaban "cans encerrados e esfameados", indicou a delegación da Xunta en Lugo.

Medio Ambiente denunciou no xulgado que o propietario marchou "15 días" antes a Madrid, deixando na leira oito cans. Destes, os axentes da consellería só viron inicialmente sete, dos cales "dous presentaban feridas, un nunha pata e outro nunha orella, ao parecer, desgarrada ou arrancada", sinalou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ademais, "obsérvase a inexistencia de bebedoiros e comedeiros e un recinto con excrementos e feces". "A algún dos cans nas fotos nótanselle as costelas e outros aparecen abatidos", engadiu.

Dous dos animais tiñan feridas e carecían de comedeiros e bebedoiros, segundo o TSXG

Os feitos desencadeáronse o domingo, cando Medio Ambiente denunciou a aparición na leira dun can morto "devorado polo resto". Achéganse fotos e vídeo onde se ven "intestinos polo chan comidos por outros cans". Sobre o animal morto "descoñécese canto tempo puidese levar falecido, só queda o pelello e a columna vertebral", indicou. Ante estes feitos e a "posible situación de malos tratos físicos a que o investigado puidese estar a someter os seus cans", incáutanse os animais, que están agora na residencia Garatuxa.

Ao pertencer Láncara ao xulgado de Sarria o tribunal lucense acordou inhibirse, aínda que, dada "a gravidade dos feitos denunciados" e o tempo que se podería demorar o traslado do caso, actuou e pediu un atestado ao Seprona e a Medio Ambiente "por se fose necesario adoptar medidas urxentes", como así fixo finalmente.

O xulgado de Lugo que actuou ante "a gravidade dos feitos denunciados" acordou inhibirse e pasar o caso ao de Sarria

O dono declarou o domingo que os animais tiñan alimento para "15 días" e que pediu aos veciños que lles desen comida.

Comentarios