Unha xornada divulga en Samos a súa "descoñecida e moi valorada" cerámica

O recuperado forno de Roxofrei, unha construción popular "única na provincia", volveu acenderse para cocer unhas 20 pezas de olería
G
photo_camera Varias persoas atizan o forno, na parroquia de Loureiro. VILA

O forno de cerámica de Roxofrei, en Samos, volveu cocer este sábado como parte dunha xornada de divulgación da tradicional olería que se facía neste municipio, "a máis descoñecida da provincia de Lugo", pero tamén "moi valorada", tanto pola súa antigüidade (conservánse ámboas de principios do século XVIII), como por producir pezas "impresionantes".

Así o constata Hixinio Flores, da asociación Canaveira, organizadora do acto xunto co Concello e a Deputación. Esta cerámica, que deixou de facerse arredor do 1950, "ten ámboas que non atopas en ningún sitio, cunha caligrafía que denota que foi feita por xente moi culta, por iso para min a súa orixe está no mosteiro", explicou.

Para dar a coñecer esta olería, o forno de Roxofrei, recuperado hai uns anos e considerado "unha construción popular única dentro da provincia pola súa tipoloxía", acendeuse de novo para cocer unha ámboa grande e outras vinte pezas de menor tamaño, reproducións das que se facían antano.

Dende a mañá, varias persoas colaboraron neste proceso, atizando ata conseguir unha temperatura duns 900 graos para sacar os cacharros oito horas máis tarde.

Entre os asistentes contábanse o deputado de Artesanía, Efrén Castro, a parlamentaria Olalla Rodil e a alcaldesa de Samos, Chus López, quen afirmou que "dende o Concello somos moi conscientes da importancia que ten a olería de Samos, polo que nos gustaría recuperala e dala a coñecer".

Nesta liña, avanzou que están en estudo proxectos como a creación dunha ruta a pé polos lugares que albergaron fornos (nun radio duns tres quilómetros) ou a escavación dunha destas construcións que, segundo a tradición popular, producía as tellas para o mosteiro. Lembrou tamén que a cerámica tivo protagonismo no calendario que o Concello repartiu este ano entre os veciños.

Para Hixinio Flores, este tipo de actividades "crean comunidade" e axudan a recuperar un patrimonio "arqueolóxico, pero tamén material e natural porque aí están as barreiras, de onde se extraía o barro, como as de Vilamelle".

A xornada deste sábado, enmarcada na exposición de cerámicas da provincia que se pode ver no Vello Cárcere de Lugo ata o 17 de maio, rematou coa música das Cegas de Ouselle.