miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

As xemelgas Jiménez, alumnas 10

Ruth Darisa (esquerda) e a súa irmá Dara Emilia. D.M.P.
Ruth Darisa (esquerda) e a súa irmá Dara Emilia. D.M.P.

As irmás de Sarria Ruth e Dara acabaron o ciclo superior de telecomunicacións e informática no IES Gregorio Fernández con dous dos mellores expedientes do centro

O soño de calquera alumno é aprobar todas as materias cun dez. As xemelgas Ruth Darisa e Dara Emilia Jiménez, oriúndas de Sarria, conseguírono no ciclo superior de formación profesional en sistemas de telecomunicacións e informáticos do IES Gregorio Fernández.

A historia das irmás transcende máis que as impecables notas obtidas. Cos seus apenas 21 anos de idade, compaxinaron os estudos con senllos traballos, nun bar Ruth Darisa e nun locutorio Dara Emilia. Conseguiron os seus obxectivos "durmindo pouco e estudando moito", aseguran. Nunha promoción de cinco alumnos, tres eran mulleres e dous homes. A proporción maioritaria de mulleres é sorprendente, xa que no campo da informática a maioría son homes.

Actualmente continúan nos seus postos de traballo. "Sorpréndenos a pouca oferta que tivemos", explica Ruth Darisa, debido ao excelso traballo cultivado durante o curso e a que o campo da informática ten un grande abanico de posibilidades, desde reparacións de alarmas, televisións por cable...

Teñen as expectativas de traballar algún día nunha empresa grande onde poidan "innovar, como no campo da electrónica", segundo indica Dara Emilia. "Se elas vivisen noutra provincia diferente á de Lugo, que ten moi pouca industria vinculada á tecnoloxía, non terían problema ningún en atopar traballo", afirma un dos seus profesores do módulo no IES Gregorio Fernández, Jorge González.

Dadas as sensacións positivas do ciclo están á espera dunha oferta laboral, aínda que non descartan seguir formándose. "Non terían problema ningún en facer a enxeñería de telecomunicacións", asegura González, debido ás aptitudes que demostraron no centro. Cando lles ensinaban algún programa informático, "a elas non lles tiñamos que explicar practicamente nada", engade, debido á paixón demostrada e a súa gran capacidade autodidacta.

O docente tamén puxo como exemplo o dron fabricado desde o centro, que as irmás "practicamente fixeron", participando na programación, montaxe ou deseño. En conxunto, o mestre, que ten máis de dez anos de experiencia, considera que este tipo de alumnas é unha circunstancia "pouco habitual".

PREMIO. As xemelgas tamén concursaron nos premios extraordinarios de formación profesional da Xunta e estiveron preto de alzarse cos mesmos. Neste galardón puntúase principalmente o expediente académico, aínda que a valoración pódese aumentar realizando algún curso relacionado coa formación. O gañador fíxose co premio debido a ter un curso adicional, cousa que as irmás non puideron facer pola imposibilidade dos horarios entre clase e traballo.

A pesar diso, nada puido manchar o inmaculado expediente das xemelgas Jiménez.

As xemelgas Jiménez, alumnas 10
Comentarios