Xela Arias, aquela nena de Sarria

Os actos conmemorativos das Letras Galegas 2021 arrancan na vila coa apertura dunha exposición sobre a etapa lucense e sarriá da poeta
Un momento de la presentación de la exposición.EP
photo_camera Un momento da presentación da exposición. VILA

O Ano de Xela Arias xa está oficialmente en marcha. Os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas adicado á poeta sarriá arrincaron onte, data na que cumpriría 59 anos de idade, coa inauguración dunha exposición na casa da cultura da súa vila natal. Aquela nena de Sarria é o título dunha mostra centrada nos primeiros anos dunha autora que xamais perdería o vencello coas súas orixes nin coa súa lingua.

Doce paneis forman esta exposición, organizada polo colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, o Concello de Sarria e a Real Academia Galega, que se poderá visitar ata o día 15 de marzo para emprender despois un percorrido polos colexios sarriaos.

Fotos familiares mostran á poeta naqueles primeiros anos, xunto aos seus proxenitores, Valentín Arias e Amparo Castaño, e seus irmáns, en moitos casos na Granxa de Barreiros, fundada por Antonio Fernández López e da que seu pai era director. Ata 1965, a nena viviu en Barreiros, pasando a estudar despois no Colexio Fingoi de Lugo. Estes e outros recordos teñen cabida nunha mostra con debuxos de Sabela Arias, poemas de alumnos sarriaos e doutros escritores, moitos deles, locais.

O acto de inauguración contou coa presenza de familiares de Xela Arias, coma súa nai, irmáns e fillo, Darío Gil, quen agradeceu esta homenaxe e destacou "o engadido emocional" que supón a súa celebración nunha vila á que toda a familia se sente "moi vencellada".

En representación da Xunta asistiron o delegado territorial, Javier Arias, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen definiu á autora recoñecida coas Letras Galegas como unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea". "Poeta singular, transgresora e guía de toda unha xeración renovadora da poesía galega en temas, estilo e forma", engadiu.

REAL ACADEMIA GALEGA. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, lembrou na súa intervención a época na que traballou en Xerais xunto a Xela Arias, de quen destacou tanto a faceta persoal como a profesional. "Na miña opinión Darío a diario é un dos libros máis fermosos da literatura galega, máis intensos, máis sinceros e máis desafiantes. É un libro de amor á liberdade", asegurou.

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, foi o encargado de abrir o acto expresándose en galego e cun recordo especial para a persoa de Valentín Arias. "Se me escoitase, diríame: viche, o galego non é tan difícil", bromeou.

Pola súa banda, a concelleira de cultura, Reyes Abella, referiuse a Xela Arias como "un símbolo para Sarria", de aí que xa se aprobase darlle o seu nome á Rúa José Antonio. "Non é só un símbolo da súa xeración senón que é a avanzada dun gran número de poetas que naceron nesta comarca", sinalou a concelleira, quen tamén afirmou que "a maior distinción que pode recibir un pobo é o recoñemento a un dos seus como referente na construción, na potenciación, no amor e no respecto a esa lingua".

Abella comprometeuse a "facer o posible e imposible para que este ano sexa inesquecible para todos", contando para iso co "forte" tecido cultural sarriao, que será invitado a participar nas actividades que se organicen nos vindeiros meses.

A apertura da mostra rematou coas explicacións de Xulio Xiz sobre o contido da exposición e coa lectura de poemas por parte das veciñas Sonia Arias e Elena López, acompañadas do tamén sarriao Eloi Caldeiro, que puxo música a versos "dunha das mulleres máis innovadoras da cultura galega".

Comentarios