José Manuel Mato, alcalde de Paradela

"Visto a 'marabunta' de iluminados, postúlome para dentro de 4 anos"

O decano dos alcaldes da provincia, José Manuel Mato, de Paradela, asegura que tras 40 anos no cargo as forzas no político non lle fraquean "para nada".
 

José Manuel Mato. AEP
photo_camera José Manuel Mato. AEP

co 60% dos votos, o popular José Manuel Mato acaba de conseguir unha nova maioría absoluta, con  seis concelleiros fronte a tres do PSOE (7 e 2 no ano 2015).

Como leva o de ser o alcalde máis veterano da provincia de Lugo?
Moi ben, non me dou conta porque no día a día non paro un minuto e non me paro a pensar que son o decano. Seguimos traballando coma sempre. Non noto ningunha carga nin descarga.

Á hora de presentarse a unhas novas eleccións municipais, estar corenta anos no cargo supón unha vantaxe ou un hándicap?
Sobre todo é unha vantaxe. Estou cun borrador para certas persoas e xa me postulo para dentro de catro anos se a saúde me axuda. Esta estimulación precoz a catro anos vista fíxoa o que vexo que vén detrás, unha ‘marabunta’ de iluminados que dificilmente poden levar o goberno dun Concello dende as actitudes que teñen. Isto anímame a seguir mantendo o compromiso cos veciños. Adícanse a difamar, mentir, falsear... Se iso volve suceder dentro de catro anos estaremos enfronte outra vez.

Varios pesos pesados do PSOE fixeron campaña contra vostede...
Patxi López, Bono, Alfonso Guerra, Caballero... Por aquí pasaron ilustres socialistas. López Orozco tamén nos deu a satisfacción de acordarse de Paradela. Sinto que os resultados non lles axudaran. Unha persoa cando se implica debería analizar que é o que está apoiando. En Paradela había un par de trileros, porque a bóla da alcaldía deixábana escondida entre os dous. Verase co tempo que había un pacto de dous trileros e uns cantos ganchos para xogar coa alcaldía enganando aos cidadáns de Paradela.

Quere dicir que igual hai algún cambio entre persoas durante o mandato que agora comeza?
Total. Algún se toma posesión virá por aquí de visita pola festa de Pascua e Reis. Porque xa estivo aquí nalgunha lexislatura e de 50 e tantos plenos asistiu a once.

Perdeu un escano, pero duplica en número de concelleiros ao seu único rival nos comicios, o partido socialista. Como valora o resultado?
Excepcional, porque non é que perdera un escano é que no PSOE converxeu todo o digamos ‘antiMato’. Houbo unhas presións desorbitadas sobre o vecindario, unhas falsidades tremendas...

Visto o resultado do PP noutros concellos, séntese reforzado no partido por manter o bastión?
Sigo sendo o mesmo, coa mesma humildade. O que si é certo que nestas eleccións hai que contar que os ventos non estaban a favor do PP, o que lle dá á candidatura de Paradela un pulo máis. E logo que foi unha campaña moi sucia.

Temeu nalgún momento destes mandatos perder a maioría?
Eu tiña claro que a maioría da cidadanía está con José Manuel Mato. É a confianza que o pobo ten en min. O que tiña claro é que gañabamos as eleccións, pero non sabía con canto.

Despois de 40 anos, fraquean os folgos ou vese máis forte?
Fraquean outras cousas no aspecto de saúde da familia, pero o que son as forzas no político para nada, sobre todo o respecto polos cidadáns, cumprir con eles a raxatabla e estar onde me necesitan.

Que obxectivos se marca para os vindeiros catro anos?
Seguir desenvolvendo Paradela. Seguir preparando accesos ás explotacións e, sobre todo, algo que non acaban de entender no goberno provincial, é que hai carreteras que son arterias comarcais, para unirnos co corredor, con Currelos, O Saviñao, Ferreira de Pantón e o Alto da Guítara... Que se asente turismo, co pai Miño e o Loio Paradela é un paraíso en pequeno.
 

Comentarios