Veteranos da espeleología daranse cita este fin de semana en Triacastela

O encontro contará cunha charla sobre Cova Eirós, unha exposición de fotos e saídas ás cavidades da zona
Cova Eirós de Triacastela. AEP
photo_camera A Cova Eirós, que centrará unha charla durante o encontro. AEP

O terceiro Campamento Galego de Veteranos de Espeleoloxía celebrarase este fin de semana en Triacastela, onde se darán cita este sábado e o domingo 25 expertos na materia.

Está organizado pola Federación Galega de Espeleoloxía, a Sociedade de Montaña Ártabros e a Xunta, coa colaboración do Concello, a Deputación e a Confederación de Espeleología e Canóns.

En Triacastela existen pequenos afloramientos de rocas calcáreas nas que se desenvolven cavidades naturais, algunhas delas con correntes de auga, de interese para os espeleólogos galegos. é o caso das parroquias de Alfoz, Cancelo, Lamas, Monte, Triacastela e Vilavella, onde se localizan covas como a de Bao, Galleira I e Sistema dos Arroxais.

Para participar neste campamento é necesario ser maior de 40 anos, estar federado durante polo menos seis e ter licenza en curso. Os acompañantes poderán participar nas distintas actividades culturais programadas.

O encontro será inaugurado este sábado, ás 12.00 horas, na sala de cultura do consistorio, onde haberá unha charla sobre Cova Eirós e unha reunión informativa sobre o catálogo de cavidades da Federación Galega de Espeleoloxía, así como a visita a unha mostra fotográfica e, xa pola tarde, saídas ás cavidades da zona. Como alternativa, os asistentes poderán realizar rutas paisaxísticas ou ver proxeccións espeleológicas.

Pola noite terá lugar unha cea e a entrega de premios da sétima Gá da Espeleoloxía Galega. O domingo, os expertos farán novas rutas por Triacastela e quedará clausurado este encontro.

Comentarios