Un centenar de veciños do monte Oribio maniféstanse a favor do parque eólico

Reclaman que se remate unha instalación que, segundo din, creará "riqueza" na zona e é "respectuosa" co medio ambiente
Concentración de veciños do Monte Oribio. EP
photo_camera Concentración de veciños do Monte Oribio. EP

Case un centenar de persoas afectadas manifestáronse este mércores polas rúas do concello de Samos baixo o lema de "Queremos o parque eólico xa”. A protesta chega uns días despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidira suspender cautelarmente a aprobación no Consello da Xunta do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico da Serra do Oribio, que afecta tanto ao municipio de Samos como ao de Triacastela.

Os veciños reclaman que se remate a instalación para, deste xeito, "dinamizar a actividade económica" de ambos os municipios. Por iso piden que se "desbloquee" a construción do parque eólico da Serra do Oribio. "O parón non só impediu o remate da instalación, senón que, a medida que transcorren as semanas, causou unha crecente inquedanza entre os veciños da zona", indican.

As obras para a construción do parque eólico no Oribio comezaron hai meses, pero, segundo indican, están detidas desde o pasado verán.

Os veciños aseguran que non comparten as opinións contrarias ao parque e sosteñen que a instalación é "respectuosa co entorno, cos patrimonios medioambientais e culturais", e que, ademais, Samos e Triacastela poderán beneficiarse da creación de postos de emprego e riqueza.

O alcalde de Samos, o socialista Julio Gallego, amosou o seu "compromiso" cos seus veciños e pediu que se atendan as súas demandas para que se rematen as obras dun parque que, segundo di, "ademais de xerar riqueza permitirá a obtención de enerxía limpa e renovable".

Colectivos ecoloxistas como Adega ou Verdegaia e representantes de partidos como BNG, En Marea, Podemos ou Anova celebraron nas últimas horas a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, adoptada a raíz do recurso presentado pola plataforma Salvemos O Iribio, formada por veciños e asociacións contrarias á instalación.

Comentarios