Un veciño de Oural é trasladado en helicóptero por unha intoxicación de gas

Os médicos da PAC da vila chegaron a tempo para introducir ao home dentro da ambulancia e que este recuperase o coñecemento
404826
photo_camera Hospital Lucus Augusti. AEP

Un veciño de Oural, no municipio de Sarria, de 62 anos de idade foi trasladado o martes en helicóptero ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) de Lugo tras sufrir unha intoxicación por gas no seu domicilio.

O suceso produciuse a media tarde e mobilizou tanto a unha ambulancia dos servizos médicos da PAC de Sarria, como aos axentes da Policía Local e a Garda Civil, así como ao helicóptero de urxencias sanitarias e dous camións de bombeiros do parque comarcal para revisar os niveis de gas na vivenda.

Os médicos da PAC da vila chegaron a tempo para introducir ao home dentro da ambulancia e que este recuperase o coñecemento. Inmediatamente despois, o afectado foi evacuado en helicóptero ata o Hula, onde continuaron os tratamentos pertinentes.

No lugar tamén se congregaron numerosos veciños da localidade, que se mostraban preocupados pola situación.

Comentarios