sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Unha veciña de Sarria gaña 1.000 euros na campaña de Nadal do comercio

Carmen Díaz recibiu o premio de mans de Ricardo Arias. EP
Carmen Díaz recibiu o premio de mans de Ricardo Arias. EP
A Aces sorteou o seu premio especial e este sábado ofrece entradas gratis para nenos a un local de lecer co fin de facilitar as compras na vila

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (Aces) sorteou este venres o seu premio especial da campaña de Nadal, consistente en mil euros para gastar en comercios asociados, o cal recaeu na veciña da localidade Carmen Díaz Álvarez.

Unha compra realizada no establecemento Ultreia trouxo sorte a esta sarriá, vinculada tamén ao sector do comercio. A súa papeleta foi elixida entre centos delas por unha man inocente que nesta ocasión foi a do veciño Remigio Cabañas, quen paseaba polo bulevar de Calvo Sotelo no momento do sorteo, que se realizou nesta céntrica zona de Sarria ao mediodía do venres.

Ao cheque de mil euros optaron todas aquelas persoas que participaron na iniciativa denominada O Lotón, a cal se desenvolveu entre os días 16 e 31 de decembro. Os clientes que fixeron compras nesas datas debían cubrir co seu nome e teléfono o billete correspondente, para poder entrar así no sorteo.

O cheque obriga ao portador a gastar o diñeiro en establecementos da Aces e antes do día de Reyes, de modo que o afortunado debe apurar as compras.

Carmen Díaz recibiu a chamada comunicándolle o premio cando estaba nunha comida familiar e, pola tarde, o presidente da Aces, Ricardo Arias, fíxolle entrega do cheque nas instalacións do colectivo, dándolle así unha alegría nestas datas de gastos.

A asociación de comerciantes pecha este sábado a súa campaña de Nadal ofrecendo ás familias a posibilidade de levar aos nenos e nenas a un local de lecer mentres realizan as súas compras. Así, as persoas que presenten un billete deste sábado de calquera dos establecementos asociados terán entrada gratis ao local 40máis1 Lecer Park en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30. A iniciativa diríxese a menores de 2 a 12 anos de idade.

O comercio sarrián tamén organizou nestas datas un concurso de escaparates, no que venceu a panadería Pallares. Ademais, instalou a iluminación do Nadal en colaboración co Concello e promoveu encontros de Papá Noel cos máis pequenos.

Unha veciña de Sarria gaña 1.000 euros na campaña de Nadal do comercio
comentarios