A veciña do Incio Isolina Vázquez Arias celebra os seus 102 anos na residencia de maiores

A centenaria pode camiñar con axuda e cun bastón e tamén come por si mesma
Isolina Vázquez, rodeada de traballadoras. EP
photo_camera Isolina Vázquez, rodeada de traballadoras. EP

Isolina Vázquez Arias festexou os seus 102 anos de idade na residencia de maiores da fundación San Rosendo do Incio, onde reside dende o ano 2020. Fíxoo en compañía de todos os traballadores e traballadoras do centro e do resto de residentes, nunha celebración con moitos agasallos.

Isolina naceu no ano 1922 en As Cortiñas, pertencente á parroquia de San Salvador do Mao do Incio. Sendo moi nova emigrou a Barcelona, onde traballou de perruqueira durante once anos, unha profesión que a acompañaría o resto da súa vida. Primeiro en Guitiriz e despois en Sarria, exerceu este oficio ata a súa xubilación.

Tras o falecemento do seu marido, decidiu ingresar na residencia de maiores do Incio, onde traballa de cociñeira a súa sobriña María del Carmen.

A centenaria pode camiñar con axuda e cun bastón e tamén come por si mesma. A maior complicación é a comunicación, xa que presenta problemas de audición. Gústalle coidarse e poñerse as súas cremas, así como estar informada e ler o xornal todos os días.

Comentarios