Uns vándalos rouban e tiran pedras da antiga igrexa de Ribas de Miño

O templo paramés está abandonado desde os anos 60 polas obras do encoro. O acceso está prohibido por risco de desprendementos
Entrada a la iglesia de Ribas de Miño. EP
photo_camera Banco do que roubaron unha pedra (arriba) e entrada pechada. EP

A antiga igrexa de Ribas de Miño (O Páramo), que está abandonada desde os anos 60, foi vítima dos vándalos. Roubaron unha pedra do interior do templo e intentaron levar e tiraron outras.

A construción atópase sen culto desde fai preto de seis décadas e nos últimos anos o sacerdote da parroquia, José Manuel Castro, ocupouse de limpar a maleza e colocar algúns dos seus restos co fin de que se coñeza este patrimonio esquecido.

Nos últimos días o cura detectou que se levaron unha pedra dun pequeno banco, de algo máis dun metro de lonxitude e para o que cre que foron necesarias polo menos dúas persoas. Tamén intentaron levar unha do altar, aínda que parece que non o conseguiron polas súas grandes dimensións e o seu peso. O sacerdote atopouse outras tiradas no chan e algunhas movidas. Ademais, no atrio do templo danaron outra.

Non só levaron restos da igrexa, se non que tamén roubaron un serrucho utilizado polo párroco para limpar a maleza da antiga igrexa. Tamén tiraron uns candelabros, os cales non teñen valor.

O sacerdote comunicou á Garda Civil de Portomarín e de A Pobra de San Xiao o roubo da pedra ante o temor a que sigan expoliando o templo, aínda que non o denunciou.

Xa o pasado ano o inmoble sufriu o roubo dunha imaxe de Cristo, sen valor artístico nin histórico, e que colocase o cura. A peza apareceu despois tirada en Lugo e foi entregada por unha veciña na igrexa A Nova da cidade.

Para evitar que volvan entrar á construción foron colocados uns taboleiros na porta e un cartel recordando que o acceso está prohibido ante o risco de que ocorran desprendementos.

A igrexa de Ribas de Miño é de orixe románico e xa hai referencias a ela no século XIII, explicou o párroco. Foi abandonada nos anos 60 ao pensarse que se ía a ver afectada pola auga por mor das obras do encoro, aínda que non foi así. Entón construíuse outro templo na parroquia, inaugurado en maio de 1965.

Comentarios