Os valores de Marieta

Unha nena sarriá de 8 anos escribe unha carta para poder localizar e devolver á súa dona os 50 euros que atopou perdidos no Chanto  

Educar en valores desde o ámbito familiar resulta fundamental e proba diso é a acción realizada o venres por Marieta López Sánchez, unha nena sarriá de 8 anos, quen escribiu unha carta para localizar o propietario dun billete de 50 euros que descubriu tirado no chan mentres xogaba no parque do Chanto. A súa nai difundiu a misiva a través das redes sociais e, en tan só unhas horas, foi posible atopar a dona do diñeiro, que recuperará os 50 euros de mans dunha Marieta "moi contenta" co resultado e dunha familia orgullosa da súa conduta.

Segundo explica a súa proxenitora, Adriana, o venres pola tarde estaba cos seus dous fillos no parque sarrián cando a maior se lle achegou moi contenta porque atopara un billete e pediulle que o gardase. "Fíxeno pero expliqueille que se alguén preguntaba ou se observabamos que algunha persoa o buscaba debiamos devolverllo", afirma. Estiveron pendentes, pero non viron a ninguén, de modo que o diñeiro foise con eles para casa.

Logo da cea comentaron en familia o sucedido e barallaron hipóteses sobre quen podería ser o dono, quizais alguén a quen eses 50 euros lle facían moita falta. Adriana, mestra de profesión, asegura que tanto ela como o seu marido intentan "falar moito cos nenos e inculcarlles valores desde a contorna familiar", como a empatía, esa calidade que permite poñerse no lugar do próximo, ou "o máis importante de todo": "ser boa persoa, porque sen iso o resto vale pouco".

Segundo o seu relato, foi a propia nena quen tomou a decisión do que quería facer e tivo a idea de escribir unha carta para intentar atopar o dono ou dona do diñeiro e devolverllo. A misiva foi difundida a través do seu perfil de Facebook pasada xa a medianoite. A súa sorpresa foi cando, pola mañá cedo, recibiu unha mensaxe privada nesta rede social da propietaria, que resultou ser unha muller que tamén estaba no Chanto con nenos e que se decatou da súa falta cando ía facer un pago nun establecemento.

Adriana non ten dúbida de que se trata da auténtica dona porque describiu con detalle o lugar no que cría que perdera o billete e, sobre todo, porque concretou que eran 50 euros, cantidade que en ningún momento se especificaba na carta da nena. Agora só falta poñer hora e lugar para a devolución do diñeiro, que entregará Marieta porque, segundo di a súa nai, "o mérito é seu".

Comentarios