Unhas vacacións de traballo

O campo de voluntariado de Triacastela, formado por cinco integrantes e tres monitores, visitou a localidade de Samos ademais de realizar unha parte do Camiño. Finaliza o domingo
Los participantes en el campo de voluntariado de Triacastela junto a los monitores y el director. DMP
photo_camera Os participantes no campo de voluntariado de Triacastela xunto aos monitores e o director. DMP

Coñecer xente mentres beneficias á sociedade. Esa é a máxima dos cinco integrantes que compoñen o campo de voluntariado de Triacastela sobre o Camiño, actividade dirixida a mozas de entre 18 e 30 anos e organizada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta que se prolongará ata este domingo.

Os integrantes, que dormen no albergue A horta de Abel, levántanse sobre as 10.00 horas e realizan diferentes traballos ata as 14.30. Ata o momento estiveron a acondicionar os muros de varias igrexas de Triacastela. As tardes son para o lecer, con visitas a zonas da localidade ou a deste domingo a Samos, na que ademais fixeron parte do Camiño.

Este luns comezarán outro tipo de tarefas. Entre elas, dous voluntarios e un monitor percorrerán en bicicleta as zonas do Camiño, e interactuarán cos peregrinos para solicitar información sobre o que opinan. Despois, realizarán valoracións internas para acometer posibles deficiencias.

Jorge Veiga, director do campo e un dos tres monitores, afirma que a pandemia provocou unha notable diminución no número de participantes. “Co Covid as prazas limitáronse a doce; ao final apuntáronse seis e a última hora fallou unha moza”, sinala. Tamén, Veiga agradece a acollida dos veciños, “que está a ser moi boa”.

Pola súa banda, os outros dous monitores, Laura Martín e Xabier Riádigos, coinciden en que ter un grupo menos numeroso do que están afeitos aumenta o nivel de esixencia. Con todo, “grazas ao tipo de participantes que temos os nosos labores facilitáronse”, explica Martín. Pola súa banda, Riádigos lamenta non poder contar con integrantes internacionais xa que se perde “coñecer outras culturas”, aínda que ve unha oportunidade para que os galegos visiten zonas da comunidade que non tiñan previsto acudir “como es de aquí dis "xa irei" e despois nunca se vai”, di.

EXPERIENCIA. En canto aos participantes, todos valoran a experiencia, posto que están a coñecer Triacastela, unha localidade na que ningún estivera. “Está a gustarme, con actividades variadas”, apunta Silvia Fernández (é de Lugo e ten 22 anos) que asegura non coñecía Triacastela; Martín Fernández (Pontevedra, 24) di que non estivera na localidade e que o campo lle está resultando “entretido”; Pilar Vitoria Florecu (Terra Chá, 18) explica que quería apuntarse como monitora, aínda que logo desta experiencia exponse repetila o ano que vén “como participante”; Ada Montero (Santiago, 19) sinala que o campo está a superar as súas “expectativas”, engadindo que “pensaba que ía haber menos xente pola pandemia”; e Andrea Teijeiro (Narón, 23) afirma que se inscribiu “por facer algo de deporte, coñecer xente...” e que está a cumprir o imaxinado.

Comentarios