Uns xardíns de inspiración romántica

A sociedade La Unión de Sarria pretende acometer este ano un proxecto de mellora da súa zona verde, duns 3.500 metros cadrados ► Este espazo, en pleno centro da vila, conta con exemplares de árbores singulares, moitas delas centenarias, que merecen ser protexidas
undefined
photo_camera Paseo central de acceso á sociedade La Unión de Sarria. VILA

En pleno centro de Sarria, a carón da Praza da Vila, chama a atención de todo visitante un xardín de inspiración romántica duns 3.500 metros cadrados de superficie arredor dun histórico edificio do ano 1890. Este conxunto, coñecido como Villa Aurelia ou Quinta de don Venancio, conforma a sociedade cultural e recreativa La Unión, que este ano se propón acometer un proxecto de mellora da súa zona verde.

A singularidade deste xardín, que alberga exemplares centenarios, fíxoo merecedor de figurar no libro Árbores senlleiras da provincia de Lugo, da autoría do catedrático de Produción Vexetal, Antonio Rigueiro, e do doutor en Investigación Agraria e Forestal, Gaspar Bernárdez, editado pola Universidade de Santiago e a Deputación Provincial.

                      Cedro do Himalaya, teixo centenario e dúas palmeiras dos xardíns, exemplares todos eles incluídos no libro "Árbores senlleiras da provincia de Lugo".
Cedro do Himalaya incluído no libro Árbores senlleiras da provincia de Lugo. VILA 

Segundo expón Rigueiro, as árbores incluídas na publicación son un cedro chorón do Himalaya (cedrus deodara), un teixo centenario (taxus baccata) e dúas palmeiras chinesas (trachycarpus fortunei), estas na parte baixa da finca.

A maiores, estes xardíns son o hábitat doutras especies de interese, que seguramente xa existían cando se construíu o edificio, como un magnolio de bo porte (magnolia grandiflora) ou un castiñeiro do país (castanea sativa), "inxertado coa variedade lugués, produtora de castaña de calidade, e algo afectado pola avespiña".

Rigueiro destaca tamén o paseo central, coa súa pérgola, as parras e os buxos, que define como "espectacular", así como unha interesante colección de roseiras.

                      Cedro do Himalaya, teixo centenario e dúas palmeiras dos xardíns, exemplares todos eles incluídos no libro "Árbores senlleiras da provincia de Lugo".
Teixo centenario incluído no libro Árbores senlleiras da provincia de Lugo. VILA 

Polo momento, ningún dos exemplares de La Unión aparece no catálogo galego de Árbores Senlleiras, se ben o experto defende a creación naquelas vilas de certa entidade dun rexistro municipal deste tipo, que sirva para coidar e protexer as árbores, dándolle o tratamento preciso para que "vivan o maior tempo posible e que as poidan desfrutar tamén as xeraciós futuras", afirma.

A centenaria sociedade, fundada no ano 1919 e consciente das particularidades dos seus xardíns, proponse acondicionalos, contratando para iso unha empresa especializada que elabore un proxecto, ademais de crear un pozo para dispor de rego automático.

En busca de financiamento, mantivo xa algún contacto coa Deputación Provincial e agarda que se sume tamén o Concello, porque "os xardíns de La Unión embelecen o pobo", asegura o presidente da entidade, José Quiñoá.

Na opinión de Antonio Rigueiro, a remodelación que se acometa debe ser moi respectuosa con todas as árbores antigas e coa esencia deste xardín, mantendo o estilo co que foi concibido en orixe e aqueles elementos que lle dan entidade como a pérgola do paseo.

                      Cedro do Himalaya, teixo centenario e dúas palmeiras dos xardíns, exemplares todos eles incluídos no libro "Árbores senlleiras da provincia de Lugo".
Dúas palmeiras dos xardíns, exemplares todos eles incluídos no libro Árbores senlleiras da provincia de Lugo. VILA

Logo "hai un loureiro e un marmeleiro xaponés que están en arte topiaria (con podas en forma de figuras) que penso que suprimiría porque non encaixan moito co tipo de xardín que ten a finca, e o mesmo cunha especie de bambús", comenta Rigueiro, quen tamén cre que o conxunto non perdería ningún valor se se eliminara ou reducira a presenza dunhas sophora japonicas.

"Non hai moito que remodelar" neste espazo, sinala, aínda que nalgúns puntos ten "unha excesiva densidade de plantas, moi achegadas unhas ás outras, que ao mellor non permite desfrutar das que teñen máis valor".

O catedrático avoga, en definitiva, por ser moi escrupulosos con todo "o esencial e máis valioso" e, a partir de aí, poderiase acometer algún retoque que "incluso resalte o máis importante da parte vexetal de La Unión" porque, segundo confirma, trátase dun espazo "digno de conservar e con elementos que son verdadeiramente relevantes para a vila de Sarria".

Outros proxectos: a entidade reforma unha das estancias do histórico edificio

A sociedade La Unión recibiu unha subvención da Deputación para poder remodelar unha das estancias da planta baixa da súa sede. Grazas a esta axuda, o local destinado a oficina da directiva conta con novo pavimento, pintura e servizo eléctrico. Nos últimos anos a entidade acometeu numerosos melloras no seu histórico edificio, as últimas delas no palco da música e nun dos salóns interiores.

Preto de 500 socios

Na actualidade, preto de 500 socios forman La Unión, entendéndose como tal unidades familiares. Segundo lembra o seu presidente, a oferta de actividades é moi variada e para todos os públicos. "Temos actos todos os días do mes", di José Quiñoá.

Comentarios