La Unión volve a vista atrás

A exposición de fotos que organiza a entidade rememora a historia de Sarria a través das súas xentes
2019082119485890558
photo_camera Nenos en La Unión en 1962. ARQUIVO LA UNIÓN

A celebración dun centenario é sempre unha ocasión propicia para volver a vista atrás e recordar o camiño percorrido. Así o entendeu a sociedade cultural e recreativa La Unión, que este 2019 cumpre cen anos de vida e que, entre os actos conmemorativos, mantén aberta unha exposición de fotografías que falan da historia da entidade, pero tamén da de Sarria e as súas xentes.

Medio milleiro de imaxes conforman esta mostra, organizada por Manuel Bellas e inaugurada o 2 de xullo, a cal permanecerá aberta ata o próximo día 1 de setembro, para ser visitada en horario de 14.30 a 22.00 horas, coa excepción dos luns.

Nas paredes de La Unión os eventos privados, como vodas ou retratos familiares, comparten espazo con fitos da historia local, como a inauguración, en 1908, do hospital doado pola Marquesa de Casa López, que sería a antesala da actual residencia de maiores Nosa Señora do Carme.

Máis dun século está representado nestas fotografías, varias das cales rememoran as antigas escolas que houbo na vila, como o colexio fundado na década dos 40 por Rosa Balboa na vivenda de Bautista Carballal, os inicios de La Asunción na Casa do Marqués ou unha excursión de alumnos da academia Comercial a mediados dos 50.

A música ten tamén protagonismo a través dunha imaxe da rondalla sarriá de 1976 ou outra da Banda de Farbán, así como en numerosas tomas de veciños gozando de festas populares. Desde Santiago da Veiga sorrín á cámara un grupo de sete mozos, mentres na romaría dos Remedios familiares e amigos pousan felices en instantáneas non aptas para nostálxicos.

Equipos de fútbol, cuadrillas na Noite Meiga ou nos bailes de verán de La Unión asoman nestas fotografías, nas que se tamén se recolle a celebración dunhas vodas de prata na Casa do Marqués no ano 1933, a primeira misa oficiada polo bispo Ramón López Carrozas ou a directiva de La Unión do ano 1951, con Manuel Rivas, Leandro Castro, José Páramo, Modesto Rivas, Luis Rivas Barreal, Manuel Lence, Toñito Isidro y Jesús Somoza.

E é que o mérito da exposición radica en que a práctica totalidade das imaxes figuran cos seus protagonistas debidamente identificados, un laborioso traballo ao que dedicou anos Manuel Bellas, quen non só recompilou as fotos para o arquivo de La Unión senón que tamén as documentou.

Para el, resulta unha satisfacción que os visitantes se emocionen ao atoparse con instantáneas da súa mocidade ou con retratos que descoñecían dos seus antepasados.

Foi o que lle pasou na tarde do martes a unha sarriá, cuxa mirada percorría con avidez a mostra en busca dalgunha foto de pai, con recompensa e alegría final.

Tanto Bellas como o presidente de La Unión, José Quiñoá, animan a coñecer a exposición, "que está tendo moi boa acollida" tanto por parte de sarriáns, moitos deles residentes noutras comunidades, como incluso peregrinos.

Aínda que a maior parte das imaxes corresponde ao século pasado, a mostra tamén se compón de fotos máis recentes de distintos eventos de La Unión, en comuñón entre pasado e presente dunha sociedade centenaria.

Comentarios