A Unión repasa a historia de Sarria en 500 fotografías

A  sociedade inaugura hoxe unha exposición con imaxes do último século, a cal poderá visitarse durante dous meses en horario de tarde

Manuel Bellas, con algunas de las imágenes de la exposición. VILA
photo_camera Manuel Bellas, con algunas de las imágenes de la exposición. VILA

A sociedade cultural e recreativa A Unión de Sarria, no marco dos actos do seu centenario, abre hoxe unha exposición fotográfica formada por unhas 500 imaxes que contan a historia do municipio durante o último século a través de acontecementos públicos e eventos familiares.

Manuel Bellas, coordinador do arquivo fotográfico da Unión, é o encargado de organizar esta exposición, que permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto para poder ser visitada de 16.00 a 20.00 horas. Un total de 19 paneis conforman esta mostra, cuxas imaxes "contan a historia de Sarria, os seus costumes, festas e celebracións", explica Belas.

A maioría de fotos que integran a exposición foron doadas polas familias ás que pertencen

Natural das Pontes, o interese deste veciño por recompilar fotografías antigas comezou fai máis de dúas décadas durante unha visita á súa terra natal. Alí puido ver unha exposición na que descubriu unha imaxe da súa nai da que non tiña constancia e cuxo achado lle causou "unha alegría".

Pensou entón na posibilidade de organizar algo similar en Sarria e que mellor lugar que A Unión, da que formaba parte. Propúxollo ao presidente naquel momento, Jaime Regueiro, e ao resto da directiva, que lle deron o visto e prace. Foi así como comezou nos anos 90 un inxente traballo grazas ao cal a histórica entidade posúe hoxe un arquivo fotográfico con máis de 4.000 fondos. "Tiven que traballar moito para conseguir iso. E teño que darlle as grazas á xente de Sarria porque sempre me facilitou que acadase ese número de fotos, moitas das cales, por non dicir todas, son recordos familiares", afirma.

Segundo comenta, o primeiro ano foi o máis complicado por algunhas reticencias sobre o uso que se daría ás imaxes. "Eu facía copias e devolvía as fotos e así todos seguían tendo os seus recordos", conta Bellas, quen sinala que calquera dúbida se disipou por mor da primeira mostra na Unión. "Ao ver aquela primeira exposición a xente animouse", engade o organizador, para quen o máis complicado resultou identificar a todos os protagonistas das fotos.

Desde entón, son xa unha ducia as mostras promovidas por este veciño para deleite dun público que revive así os seus anos mozos, emociónase ante estas instantáneas e achégase un pouco máis á historia colectiva de Sarria.

Comentarios