Unhas esculturas XXL en O Incio

O artista granadino Ángel Romero rematará o luns, tras tres meses de traballo, as figuras dos mamuts do Incio, duns 2.500 quilos

2019071213142378788
photo_camera O autor dos mamuts, Ángel Romero, xunto á súa obra. EP

Os mamuts de Val do Mao (O Incio) converteranse en toda unha referencia no concello. Por iso, o Concello púxose en contacto cunha empresa de Granada e esta, con Ángel Romero, un artista especializado en obras de grandes dimensións ou, como as denomina el, "XXL", que xa realizara uns mamuts similares no municipio granadino de Padul. Un mes logo da súa estancia no Incio, e tres desde que comezou, o luns remata a obra de 2.500 quilos de peso.

A historia deste escultor é unha narrativa de superación. Logo da crise económica tivo que deixar o seu oficio en construción e "reinventarse", sinala. Desde hai seis anos penetrouse no mundo da escultura e desde fai dúas viuse recompensado, xa que lle chove o traballo de orzamentos enviados hai dous anos". Desempeña os encargos en solitario porque "ninguén está disposto a traballar coa inestabilidade dun artista", sentenza.

"Para o que vén do sur, a paisaxe e a fauna son alucinantes", comenta o escultor, natural de Granada, describindo a zona onde se localizan as obras. Un dos varios bosquexos que presentou ao Concello foi o dunha nai e unha cría, sendo o definitivo. "Imaxinábame os mamuts no Incio na época cuaternaria e que mellor xeito que con esta representación", comenta Romeu.

Unha das maiores preocupacións residía nos materiais empregados, coñecedor das diferenzas climatolóxicas coa súa terra natal. "Quería utilizar material duradeiro e pensei na resina", di, aínda que o refugou ao comprender que co tempo "cristalízase". Por iso, tratou co morteiro tixotrópico, un material moldeable e "fácil de traballar", ademais de resistir condicións meteorolóxicas adversas.

O autor recomenda circundar a obra cun valo e instalar un cartel que advirta do perigo de subirse aos mamuts

En canto á elaboración, primeiro creou unha maqueta, cunhas proporcións de 1:100, e un tamaño de 50 centímetros. Despois, "mediante unha regra de tres", calculou as dimensións e, de aí, deu paso á estrutura do interior, con ferro. Seguidamente, encheu as figuras de poliespán, para poder tallalas, e logo engadirlle o citado morteiro tixotrópico. A maqueta, a cabeza do mamut grande, a estrutura de ferro e a escultura da cativa realizounas en Granada, o que lle levou uns dous meses. Tivo que trasladar estes elementos ata O Incio para seguir co proceso.

A seguinte etapa foi dar cor á obra. Primeiro "tíntanse os materiais", explica, motivo polo cal se observaban cores diferentes nas figuras. "Despois píntase", xa coas gamas cromáticas definitivas, que serán o máis fieis posibles. Con todo, ao artista non lle gustan, posto que pensa que se poden realzar máis con outros máis vivos.

Ángel Romeu tamén é o autor da placa en relevo "O Incio, terra do mamut. Kilómetro 0" que está ao comezo da ruta. O mural é de dous metros de alto por dous metros e medio de ancho.

O artista granadino advirte dos perigos de deixar a escultura descuberta, xa que mide catro metros desde a chepa. Recorda o ocorrido coa obra de Padul, onde unha persoa ebria caeu durante as festas. Recomenda que se circunde cun "valo e un cartel que advirta do perigo de subirse", para evitar desgrazas do tamaño dos mamuts.

Comentarios