Unha veterana na arqueoloxía

Os investigadores da USC comezaron hai unha década a traballar en Cova Eirós, converténdose no proxecto de arqueoloxía de Galicia que máis duración ten. Os estudos deron importantes froitos, como o achado das primeiras mostras de arte rupestre nunha cova galega e unhas 15.000 pezas

Cova Eirós. GEPN-AAT/IPHES (AEP)
photo_camera Cova Eirós. GEPN-AAT/IPHES (AEP)

OS INVESTIGADORES DA Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona comezaron a escavar en Cova Eirós, na parroquia de Cancelo (Triacastela), no ano 2008. Unha década de estudos que deixaron aos descuberto miles de pezas e arte rupestre, pero un proxecto do que queda traballo por facer, pois ten "moito potencial", sinalan.

A gruta de Triacastela xa foi escenario de investigacións nos 90 da man de Aurora Grandal e hai dez anos volveu ser o obxectivo dos arqueólogos da USC e de Tarragona co proxecto Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da conca media do Miño. Cada mes de agosto estes estudosos regresan á cova para coñecer un pouco máis o paleolítico galego.

O codirector das escavacións, Arturo de Lombera, asegura que a gruta "deu moitísimo máis do que agardabamos". Segundo explica, trátase do proxecto arqueolóxico que máis duración ten en Galicia. "Aínda queda por coñecer e descubrir novas cousas que achegar á prehistoria galega e española", engade.

A gruta conta coa primeira mostra de arte rupestre en cova en Galicia, xa que foron descubertos motivos e pinturas que teñen un mínimo de 9.000 anos de antigüidade. Sitúanse principalmente na gran sala. A súa aparición leva a que Cova Eirós sexa un Ben de Interese Cultural (BIC), expediente que se atopa en marcha.

Na gruta tamén se acharon "15.000 pezas" de fauna e lítica, que se atoparon en 21 metros cadrados na entrada da cova e aínda quedan dous metros de sedimento por escavar. "Podemos atopar ocupacións máis antigas e reconstruír así a evolución dos homínidos e da paisaxe do Pleistoceno", indica.

Os arqueólogos traballan no nivel tres, co que se coñece como vivían os últimos neandertais na cova, na que farían estancias curtas e de pouco impacto. Tamén estudan o catro, no que tan só escavaron en catro metros cadrados, pero descubriron unha "grandísima" cantidade de materiais. Ademais, acharon un fogar e podería haber outros, pois apareceu fauna queimada e lítica con marcas de lume. Noutros niveis da cova xa foron atopados fogares.

NOVA CAMPAÑA. Por agora descoñecen a antigüidade do nivel catro, pois os investigadores só dataron o tres, que ten 40.000 anos. Para o catro contaban cunha datación de 118.000 anos levada a cabo coa técnica OSL. Con todo, facéndoo con outros métodos comprobaron que esas datacións estaban "mal" e non concordaban cos rexistros. Por iso, un dos seus obxectivos na campaña deste ano é descubrir a súa antigüidade.

Outra das súas misións será traballar nun nivel inferior, no que con anterioridade xa acharon material, aínda que "disperso". Este permitirá ver se a gruta tivo ocupacións máis antigas das que teñen rexistradas.

A nova campaña levarase a cabo no mes de agosto, durante tres semanas, e cun número similar de persoas ao de anos anteriores, sinala. As escavacións son financiadas de novo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os arqueólogos tamén prevén preparar publicacións para que así se comprendan mellor as ocupacións paleolíticas. Ademais, organizarán unha charla en Triacastela, como fixeron en anos anteriores, co fin de achegar un pouco máis a prehistoria aos veciños.

OUTRAS GRUTAS. Outra das súas intencións, pero a "medio ou longo prazo", é percorrer as covas dos arredores. Para iso traballarán con espeólogos, cos que verán aquelas que teñen recheos ou condicións de habitabilidade. "Seguro que hai máis xacementos paleolíticos pola zona", opina o investigador.

Achados Industria lítica e ósos
Na cova foron achados nestes anos ósos e industria lítica. Algunhas son pezas curiosas, como un colgante en dente de raposo de 26.000 anos de antigüidade, unha azagaia decorada ou unha agulla realizada en óso.

As escavacións deixaron aos descuberto ósos de osos das cavernas, rinocerontes lanudos ou cervos, entre outros. Estes restos dan unha idea da fauna que vivía na zona hai uns 40.000 anos, explica o investigador.

Materiais
En canto a material, achouse, por exemplo, industria en levallois do paleolítico medio. "Demostra a pericia técnica dos neardentais", sinala, pois son materias primeiras que non son tan óptimas coma outras. Tamén se atoparon pezas en cuarzo ou cuarcita.

Comentarios