O TSXG ratifica o nomeamento do oficial da Policía Local

Un sindicato recorreuno por considerar que non cumpría co requisito de titulación
Sede del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. ADP
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. ADP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o nomeamento do oficial da Policía Local de Sarria, confirmando así unha sentenza do xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

Un sindicato recorreu a este tribunal en 2018 por considerar que o oficial -designado no ano 2009- non cumpría co requisito de titulación esixido no concurso para cubrir a praza. Xa en 2015 e 2016 o colectivo presentara senllos escritos no Concello solicitando o inicio do procedemento de revisión de oficio e que se deixase sen efecto o nomeamento, aínda que sen obter resposta.


2020070318075131600
Sede da policía Local

A petición do sindicato foi rexeitada polo Contencioso-Administrativo de Lugo en 2019, polo que acudiu ao TSXG e este, con data do 22 de xuño, desestimou o recurso. Ademais, impúxolle as costas ata un límite de 1.000 euros. A sentenza pode ser recorrida ante o Supremo.

O colectivo pediu que se declarase nulo o nomeamento. Alegou que nas bases do concurso establecíase entre os requisitos dos aspirantes un curso da Academia Galega de Seguridade Pública, aínda que nunha sentenza de 2014 o TSXG declarou nulo que se pida esta formación e, polo tanto, ningunha convocatoria pode conter ese requisito.

Ante o recurso do sindicato, o Tribunal Superior de Xustiza sostén que o nomeamento do oficial fíxose "de conformidade coas disposicións normativas vixentes" no seu momento. Tras a sentenza do TSXG de 2014, "o requisito relativo ao curso de dispensa foi declarado nulo, o que determina que ningunha convocatoria pode conter ese requisito", aínda que o oficial "foi nomeado e tomou posesión cumprindo os requisitos legais vixentes nesa convocatoria", indica o tribunal no seu fallo.

Este tamén considera que as reclamacións do sindicato son claramente contrarias "á equidade, á boa fe e ao dereito dos particulares, dado o tempo transcorrido".

O nomeamento do oficial xa fora levado aos tribunais anteriormente, pois se recorreu o proceso selectivo. Con todo, tanto o Contencioso-Administrativo como o TSXG o desestimaron. Desta forma, son catro as sentenzas que avalan tanto o proceso selectivo como a designación do oficial e "reforzan" a este, sinalou o axente. "Todas estas denuncias partiron sempre dun mesmo sindicato, o cal nesta última fase", do 2016 ao 2018, "contou coa conivencia da máxima representante política", manifestou o oficial.

Comentarios